30.11.07

Quintana: 'O gran reto de Galiza na nova lexislatura que comeza en marzo é aumentar substancialmente o noso peso decisorio na política de Estado'


Marca tres ámbitos determinantes para o novo peso político de Galiza no Estado: avanzar no autogoberno de Galiza, comprometer investimentos para corrixir os déficits en infraestruturas e servizos sociais e crear un novo marco institucional para o recoñecemento da natureza plurinacional do Estado español
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, suliñou hoxe que o gran reto de Galiza na nova lexislatura que comeza en marzo será o de “aumentar substancialmente o noso peso decisorio na política de Estado”. Segundo expuxo, o gran desafío de Galiza no novo ciclo político que se abrirá en marzo ha ser dispoñer dunha maior capacidade decisoria no Estado, “Galiza precisa ter unha voz politicamente cualificada que poña os intereses galegos no primeiro plano da súa actuación e así poida condicionar positivamente e influír de xeito determinante nas decisións estratéxicas do Goberno do Estado”. O vicepresidente da Xunta pronunciou esta tarde en Ferrol a conferencia “Galiza no Estado: Retos dunha nova lexislatura”, dentro do Foro do Diario de Ferrol.
Quintana explicou que o gran reto é ampliar a presenza política do nacionalismo galego nas Cortes do Estado. Asegurou que nas eleccións de marzo o gran desafío ao que se deben enfrontar os galegos e galegas é o de que Galiza estea representada de xeito politicamente solvente no espazo de decisión no que se vai determinar a gobernabilidade futura do Estado. O vicepresidente sinalou que as eleccións de marzo han de abrir unha nova etapa na historia de Galiza e do Estado, “un novo tempo político que enterre as políticas de dependencia e lle dea protagonismo a Galiza no Estado”. Gobernabilidade do Estado O vicepresidente lembrou que, dende o inicio da Transición, Galiza tivo na dinámica política de Estado que resignarse a ter un papel subalterno, secundario e de baixa influencia política. A representación maioritaria dos electores galegos por parte do PSOE e do PP contribuíu ademais, segundo Quintana, a privar a Galiza dunha voz singular para a expresión dos intereses do país. “Unha situación que aínda se veu agravada polo feito de estar o Goberno galego hexemonizado polo Partido Popular”, indicou Quintana, quen lembrou que o que caracterizou os diferentes gobernos Fraga foi a súa “renuncia a exercer as capacidades do noso autogoberno nacional perante o Goberno de Madrid”. Engadiu que o Goberno galego en mans do Partido Popular renunciou en todo momento a xogar un papel reivindicativo, influente e condicionante das decisións do Executivo central. Anxo Quintana afirmou que desta maneira, con esta situación, se esvaeceu un tempo político fundamental no que Euskadi e Cataluña, non só conseguiron acrecentar as capacidades políticas e financeiras dos seus autogobernos, senón que tamén influíron de maneira determinante nas decisión estatais, na definición das grandes políticas estatais. Ante esta situación de pasividade e falta de iniciativa perante Madrid, o vicepresidente manifestou que todo cambiou coa chegada do nacionalismo galego ao Parlamento do Estado e ao Goberno da Xunta. A presenza do BNG no Congreso e no Senado significou que “Galiza non só teña voz propia para se expresar politicamente, senón que tamén obteña beneficios políticos grazas ás actuacións parlamentarias do nacionalismo galego”. Un exemplo disto son os orzamentos do Estado para 2008 que van destinar a Galiza un 8% dos seus investimentos. Ademais deste papel activo nas Cortes en Madrid, a situación tamén mudou en Galiza, coa presenza do nacionalismo galego na Xunta, polo que “Galiza conta por primeira vez na súa historia cun goberno de seu, cunha acción de goberno comprometida inequivocamente co noso país”. Quintana asegurou que co nacionalismo no Goberno, Galiza deixou de ser un país á espera de mandatos e directrices de Madrid, “agora tomamos a iniciativa cunha oferta de diálogo e cooperación intelixente, coa que procuramos máis autogoberno e máis recoñecemento da existencia dunha débeda histórica con Galiza en materia de infraestruturas e en materia social”.“Estamos certos de que a solución da gobernabilidade do Estado será plural”, sinalou o vicepresidente, engadindo que está confiado en que o nacionalismo galego pode facer unha achega decisiva para a construción dunha maioría parlamentaria plural sobre a que se asente o novo Goberno no Estado. “Un goberno que asuma a súa lexitimidade non repousa só nunha ampla maioría parlamentaria, senón tamén na súa capacidade para concertar as súas estratexias cos autogobernos nacionais de Galiza, Cataluña e Euskadi”. Tres ámbitos determinantesPara acadar o novo peso político que Galiza debe ter no Estado, o vicepresidente marcou tres ámbitos que van ser determinantes: avanzar substancialmente na transferencia de competencias recollidas no actual Estatuto, comprometer investimentos do Estado para corrixir os déficits de infraestruturas e de servizos sociais que Galiza padece, e en terceiro lugar, crear un novo marco institucional para o recoñecemento da natureza plurinacional do Estado español.No primeiro ámbito, para ampliar o autogoberno de Galiza, Anxo Quintana explicou que a próxima lexislatura estatal 2008-2012 ten dúas fases claramente diferenciadas: a primeira chega ata finais de 2009 e a segunda ábrese a partir do outono de 2009, tras as eleccións autonómicas galegas. Quintana expuxo que, ata 2009, os esforzos teñen que pasar por impulsar o desenvolvemento pleno das competencias que contempla o actual Estatuto de Galiza. “O noso primeiro obxectivo é facer efectivo este proceso de competencias, trátase de ampliar as capacidades do actual autogoberno galego dándolle pleno desenvolvemento ás competencias contempladas no Estatuto de Autonomía de 1981”, manifestou Quintana.A finais de 2009, tal e como explicou o vicepresidente, “ábrese unha segunda fase política para ampliar o noso autogoberno e na que o obxectivo é dotarnos dun Estatuto de nación como marco político para acceder a novas capacidades e recursos para o goberno de Galiza”. Dixo estar seguro de que as eleccións autonómicas de 2009 han permitir unha nova maioría parlamentaria galega que faga realidade a elaboración dun novo Estatuto, un Estatuto de nación.O segundo ámbito determinante para que Galiza teña máis peso político, tal e como explicou Quintana, está en avanzar de xeito significativo na superación dos déficits de infraestruturas e servizos sociais que padece Galiza. Hai ademais un terceiro plano no que se ten que facer valer o peso político que lle corresponde a Galiza, “é facer efectivo o recoñecemento do carácter plurinacional do Estado”. O vicepresidente afirmou que os nacionalistas galegos teñen un modelo diferente de Estado, un modelo baseado na participación entre iguais e na corresponsabilidade, “un modelo que permita activar, en Galiza, Cataluña e Euskadi, as capacidades propias, e ao mesmo tempo, contribuír ao desenvolvemento compartido do Estado en termos de solidariedade, igualdade e benestar”.Quintana márcase como un dos grande retos da próxima lexislatura, e como unha das pezas centrais da nova gobernabilidade do Estado, crear un novo marco institucional máis acorde coa realidade plural do Estado. “Un novo espazo institucional de libre decisión, unha canle para o diálogo e a cooperación entre iguais, que permita a construción do goberno compartido do Estado”, concluíu o vicepresidente.

0 comentarios: