13.6.07

O BNG leva o cambio galego aos concellos

Santiago de Compostela, 11 Xuño 06. Anxo Quintana, portavoz nacional do BNG e Emilio Pérez Touriño, secretario xeral do PsdeG-PSOE, asinaron no Hotel Monumento San Francisco da capital galega o acordo que facilitará gobernos de coalición en case todas as cidades galegas e en numerosos concellos do país. No acto estiveron presentes os membros da comisión negociadora e representantes das executivas de ambas as dúas forzas políticas.

“Somos dúas forzas políticas capaces de dar satisfacción ao que os cidadáns decidiron; que non houbese maiorías absolutas. Pero os cidadáns queren que haxa gobernos maioritarios, estabeis e plurais e que se fagan en base a bases programáticas sólidas”, afirmou Quintana.

Segundo o líder do BNG, o acordo “propón unhas bases programáticas para concellos ao servizo da xente, para entidades locais ao servizo dos cidadáns, para concellos que fagan país e que polo tanto se preocupen da nosa cultura e do noso idioma”. Tamén destacou que os concellos procurarán un desenvolvemento sostíbel.

“A nosa satisfacción ten que ser a de miles de cidadáns que o pasado 27 de maio volveron dicir que este é un país plural no que claramente se definen tres espazos políticos diferenciados”, afirmou o vicepresidente do goberno galego, para quen a cidadanía galega envía “unha mensaxe aos responsabeis políticos; neste país plural, as forzas políticas que teñan capacidade de diálogo, de acordo, de concertación, teñen futuro”.

“Creo que as forzas políticas que hoxe asinamos este acordo temos demostrado isto: ser forzas políticas diferentes pero ao mesmo tempo responsabeis e maduras que saben chegar a acordos cando os cidadáns así o requiren”, concluíu.

O acordo
O BNG e o PSOE asinan unha serie de compromisos programáticos, entre os que destacan o compromiso para reservar o 40% do solo para vivenda protexida nos concellos de máis de 20.000 habitantes e un 30% nos de menor poboación.

En canto aos acordos para a investidura de alcaldes, acordaron “dar o seu voto na sesión de investidura, ao candidato/a da forza máis votada en cada concello das asinantes do pacto, nos casos en que ese apoio sexa necesario para garantir o acceso á alcaldía”. “ Nos restantes concellos facilitar, en calquera caso, a investidura do candidato ou candidata da forza máis votada das asinantes do pacto, mediante a abstención se fose preciso”, segundo recolle o texto do documento.

Nas cidades de Vigo, A Coruña, Santiago, Lugo, Pontevedra e Ourense, impulsaranse gobernos de coalición cunha única tenencia de alcaldía para a forza minoritaria, mentres que no resto dos concellos sen maiorías absolutas impulsaranse tamén coalicións de goberno ou ben pactos que favorezan a gobernabilidade municipal.

0 comentarios: