http://www.anosaterra.com/documentos/central_principal.php?pagina_actual=principal_1&numero=1274
O portavoz do grupo parlamentar do BNG, Carlos Aymerich, escribe esta semana en A Nosa Terra o seguinte artigo sobre o conflito xurdido en Ferrol pola planta de Reganosa.
“El Musel está llamado a jugar un peso estratégico cada vez más importante en el relevante papel que ya tiene el Principado en el mapa energético español. Endesa ya ha pedido suelo en la nueva explanada de Aboño, otra de las obras de las ampliación portuaria gijonesa, para hacer un ciclo combinado de 800 megavatios” (http://www.xixon.izquierdaxunida.com/iu.php?id_noticia=00003387). Deste xeito, enfrontando con toda rotundidade a oposición de numerosos grupos ecoloxistas e colectivos cidadáns de Asturies, xustifica IU de Xixón o seu apoio á futura regasificadora do Musel, adxudicada a ENAGAS polo goberno español do PSOE. Unha regasificadora situada a menos de 1000 metros de bairros como os do Muselín, Otero, Musel Arnao, Les Cabañes, Barrio de Pescadores, Jove de Arriba ou Tocote e dunha concorrida praia como a de Xivares cuxa entrada en funcionamento está prevista para 2010.
No caso da regasificadora de Reganosa en Mugardos é sabido que a sucursal galega de IU fixo da súa oposición á planta o eixo dunha campaña electoral que lle permitirá cogobernar Ferrol co PSOE, partido que malia a súa directa responsabilidade na autorización e na ubicación da planta de gas mantivo un prudente silenzo apenas roto polos mocazos da policía, dirixida polo Delegado do Goberno, e a desproporcionada intervención da Fiscalía contra o patrón maior da Confraría ferrolá. Ministerio Fiscal que tamén depende, como é sabido, do goberno español. Porén nin estes partidos nin tampouco o denominado Comité de Emerxencia fixeron en momento ningún referencia ao paralelismo entre Ferrol e Xixón nesta materia. A razón do silenzo hai que procurala na militancia partidaria de Carmelo Teixeiro (ex responsábel do PSOE en Ferrolterra) e Rafael Pillado (ex concelleiro do PSOE en Ferrol), respectivamente portavoz e destacado integrante do dito Comité de Emerxencia ao tempo que integrantes da Xunta Directiva da Asociación “Fuco Buxán”, de recoñecida filiación pesoísta. E quizais esta militancia partidaria teña a ver tamén coa clara intencionalidade política dunhas críticas centradas no BNG e dirixidas, sen dúbida, a desviar a atención da negativa do goberno español – secundado por IU – a permitir a volta da construción naval civil á ría de Ferrol.
Pois ben, penso que xa é ben tempo de que desde o nacionalismo se esclarezan algúns dados que Teixeiro, Pillado e IU interesadamente silencian sobre o asunto de Reganosa:
1. O BNG foi a única forza política que formulou alegacións contra a ubicación da planta regasificadora no interior da ría de Ferrol. Nin o PSOE nin IU formularon alegación ningunha nin utilizaron, como si fixo o nacionalismo galego, a súa representación institucional para se opór, cando o había que facer, á tal ubicación. É máis, desde o BNG seguimos a pensar o mesmo: a ubicación idónea para a regasificadora debe ser o porto exterior. Mágoa que ENAGAS rexeitara ese emprazamento. As razóns, nunca explicadas, haberá que llas perguntar ao xenro do finado Xeneral Gabeiras, na altura conselleiro delegado da empresa gasista.
2. As autorizacións para Reganosa se instalar en Mugardos e iniciar o seu funcionamento foron outorgadas polo goberno español. Máis en concreto pola Autoridade Portuaria de Ferrol, ao se tratar de dominio público portuario, e máis polo Ministerio de Industria. Son, xa que logo, estas mesmas autoridades estatais as que poden revisalas de oficio e anulalas como meio de promover o seu translado. Serían tamén, por certo, elas proprias as que tivesen que satisfacer as indemnizacións ou compensacións que, no seu caso, correspondesen. A Consellaría de Industria non ten competencias nin para autorizar, nin para paralisar nin tampouco para deslocar Reganosa da súa ubicación actual.
3. Porén, e á marxe da súa concreta ubicación, a Consellaría de Industria e o conxunto do goberno galego consideran que a existencia dunha regasificadora constitúe unha infraestrutura estratéxica para o desenvolvimento económico de Galiza e, en concreto, para a instalación de ciclos combinados de gas natural nas térmicas das Pontes e de Sabón. E o BNG non vai permitir que Galiza perda o tren da transformación enerxética en beneficio de Asturies como outros semellan empeñados en que perda o da construción naval civil para maior proveito dos estaleiros andaluces.
4. Outra cousa é que Reganosa deba funcionar con todas as garantías ambientais e de seguranza exixidas pola lexislación vixente e que os danos e prexuízos que a súa posta en andamento poda supor para outras actividades económicas como a pesca ou o marisqueo deban ser avaliados e compensados. Neste sentido cúmprelles ás Consellarías de Desenvolvimento Sustentábel e Presidencia, responsábeis respectivamente pola Declaración de Efeitos Ambientais e máis polo Plano de Seguranza Exterior, extremaren o seu celo e actuaren coa máxima dilixencia.
Xa van sendo horas de pór a cadaquén no seu lugar e separar as lexítimas preocupacións polo meio ambiente e a seguranza doutras motivacións, políticas e económicas, menos confesábeis. Non vaia ser que, ao fin, os mesmos que secundaron que o naval marchase para Andalucía amparados nunha farisaica defensa do sector público, podan conseguir agora que a enerxía marche para Asturies sob a capa dunha falsa preocupación ambiental.