Levamos dous meses nos que o paro rexistrado está baixando, mais tirar disto unha lectura optimista é un grave erro, xa que as curvas do paro son sempre cíclicas: habitualmente soben de setembro a marzo e baixan de abril a agosto. O importante é ver a referencia anual e, neste senso, no último ano (de Maio de 2009 a Maio de 2010), o incremento do paro en Galiza foi de 21.000 persoas, co que temos a día de hoxe 228.507 paradas e parados.
Unha referencia anual que non é neutra, por mor da política de desGoberno Feixóo, máis preocupado na propaganda e na revisión e derrube do realizado polo Goberno Bipartito que en enfrontar os problemas reais do noso País. Lembremos que a actual Conselleira de Traballo e Benestar, cando estaba na oposición, asinaba a finais do ano 2008 en plena crise unha iniciativa parlamentar que dicía textualmente: "Somos conscientes que a capacidade de incidir do goberno da Xunta no desenvolvemento das súas competencias en materia laboral son o primeiro e máis importante paso a dar na loita contra a precariedade e o desemprego". Mais agora debeu esquecer que as políticas activas de emprego, é dicir, a promoción do emprego e a formación profesional ocupacional, son da súa competencia.
Se as cifras de paro son preocupantes, aínda é máis a desprotección dos parados e paradas. Con dados oficiais do mes de Abril, en Galiza tiñamos máis de 77.000 persoas sen ningún tipo de protección, o que supón o 33% de persoas en paro, cando no Estado esta situación dáse no 24% destas persoas.
Asemade, e como unha consecuencia negativa máis dos baixos salarios que temos, a prestación contributiva que se cobra en Galiza é de 803 euros/mes de media -unha das máis baixas do Estado- engadíndose outro último dado negativo: nun ano, o subsidio de desemprego pasou de 43.620 persoas a 71.648, cun incremento do 64%; debido fundamentalmente á posta en funcionamento do denominado Programa Temporal de Protección por Desemprego e Inserción (Prodi), que supón 420 euros/mes, que foi aprobado o pasado mes de agosto polo Goberno do Estado e que, agora, dentro das drásticas medidas de recortes sociais non fica claro que vaia ter continuidade; co que se agravaría a desprotección das traballadoras e traballadores en situación de desemprego.
Por iso, nunha perspectiva realista a curto e medio prazo no que o paro non vai baixar (o que significará que un número moi importante de persoas que actualmente están en desemprego van ter moi difícil atopar un posto de traballo), deberíamos demandar un incremento das partidas económicas para a súa protección; máis aínda cando vemos como se facilitan desde o erario público miles de millóns para o sector financeiro, para as empresas de automoción ou para as eléctricas, entre outras. Permanecermos calados sería inadmisíbel perante a grave situación económica pola que están a pasar diariamente milleiros de galegos e galegas.
8.6.10
Paro e desprotección: Como se non pasase nada
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 6:46 da tarde
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
0 comentarios:
Enviar um comentário