4.4.10

O Congreso do PT do Brasil


Cando a desgana se vai apoderando dun, nestes días nos que o peso do ceo plomizo cae sobre nós, mentres o vento arrastra o son marcial dos tambores das procesións, achegándonos ao tempo estéticas que producen arrepíos pola súa reminiscencia Ku Klux Klan.

Cando a cuestión das caixas parecera non ter fin, entón, fago unha estratéxica fuxida en diagonal cara o Brasil, e o cuarto Congreso do Partido dos Traballadores, ao que tiven a grande honra de asistir, e a emoción de ver como todas e tódolos militantes unha vez rematado o plenario coreaban de pé a modo de samba PT, PT, PT, PT,... mentres a muller que dirixe o grupo de traballo dedicado a loitar contra o racismo no Brasil dime que o compromiso do PT é “unha loita, pero con alegría”.

Levo cavilando dende entón nesas palabras e en como outra maneira de gobernar é posíbel. Brasil lévanos ensinando como se fai o camiño nun país que era un dos máis inxustos do mundo, e que neste momento se proxecta como a quinta economía do planeta. As fondas transformacións realizadas desde un programa no polo oposto do neoliberalismo, desde esa esquerda utópica que en Europa parece esvaecerse na burocracia do propio sistema.

Mudanzas económicas, sociais, políticas e culturais feitas en tan só sete anos para facer do Brasil un país realmente máis democrático, solidario e soberano. A herdanza atopada polo Partido dos Traballadores era unha situación de décadas perdidas, produto da ditadura militar dos anos sesenta e as posteriores imposicións das políticas neoliberais na América Latina coas regras establecidas no chamado consenso de Washington en 1989, e que trouxeron da man un triste legado: inflación crecente, crise das divisas, parálise económica, desregulación dos mercados e redución do papel do Estado, deixando a un lado as cuestións sociais e os problemas históricos como a distribución da renda e polo tanto o incremento da pobreza.

Os Chicago Boys e as súas teorías ditando os criterios que obrigaban os países que precisaban emprésitos do FMI a desbaratar as súas economías elevando a miseria e o desemprego. Perante unha situación destas características o goberno de Lula tivo a valentía de dar unha viraxe de 180 graos nas políticas implementadas na América Latina, cunha proposta que lembra aquela frase do axedrecista neerlandés Max Euwe que dicía que a estratexia precisa de pensamento e a táctica da observación.

Hai que recoñecerlle ao PT esa intelixencia na implementación dun programa de esquerdas cando asumiu o poder cun grande apoio popular e unha grande incerteza e desconfianza por parte dos inversores financeiros, con fortes ataques na propia campaña do ano 2002.

Os primeiros pasos foron os de establecer os axustes macroeconómicos sólidos co fin de controlar a situación monetaria do país, agravada pola privatización dos bancos públicos estatais e federais (no ano 1990 a participación dos bancos públicos no total das operacions de crédito alcanzaba o 66%, fronte o 36% no ano 2002).

E velaí onde aparecen as medidas máis claramente revolucionarias, iniciativas que marcaron unha inflexión económica substancial no goberno do Partido dos Traballadores, o grande peso da Banca Pública que tivo como obxectivo principal en plena crise internacional dar unha resposta brasileira para evitar que esta contaminase o seu sistema financeiro, ao mesmo tempo que recuperaban o nivel de actividade económica rapidamente, aumentando a sua oferta de crédito un 33% entre setembro de 2008 e xullo de 2009 fronte ás privadas que incrementaron os emprésitos nun 4% e as insitucións estranxeiras un 1,5%.

Ao mesmo tempo que medraba a rede de protección social, o aumento do salario mínimo, así como o mantemento inalterado do seu programa de investimento. Amosando ao mundo como e posible construír un novo modelo de desenvolvemento cun único obxectivo: acadar un novo modelo de sociedade para todos, e non unha nación para uns poucos onde as maiorías sempre permanecen á marxe.

E vendo como a utopía, a loita con alegría e a valentía son posíbeis no Brasil, por que non aquí na Galiza? Hai moito que facer, precísase urxentemente dunha grande maioría política comprometida co país e co seu desenvolvemento económico e social, que dirixa o seu futuro para que este sexa mellor, como na letra da aquela canción de Toquinho, Aquarela:

“E o futuro é unha astronave

que tentamos pilotar

nao tem tempo

nem piedade

nem ten hora de chegar

sen pedir licença

muda a nosa vida”.
Tareixa Táboas coordenadora do BNG
Artg. XORNAL

0 comentarios: