21.4.10

GARZÓN

Confeso que non simpatizo con Garzón. Quizais por non acreditar nos superhomes e, tampouco, por conseguinte, nos superxuices. Quizais por seguir pensando que a Audiencia Nacional é un tribunal de excepción, herdeiro do Tribunal de Orde Pública franquista que, como este, privilexia as razóns de Estado sobre as garantías e a razón xurídica. Baste lembrar os “macroprocesos” instruídos e xulgados pola AN, o caso “Egunkaria”, os clamorosos erros procedimentais que puxeron na rúa a notorios narcotraficantes ou o tratamento de favor que, goberne quen goberne, Emilio Botín adoita receber deste órgao xurisdicional. Así as cousas, o axuizamento de Garzón é indisociábel da degradación institucional que padecemos e que se manifesta con especial acuidade no poder xudicial. Deste ponto de vista Baltasar Garzón é vítima, sen dúbida, dun sistema degradado que el proprio axudou a construir.

Mais se tratando dun asunto complexo hai tamén, sen dúbida, outras perspectivas posíbeis. A perseguizón dos crimes de lesa humanidade cometidos polas ditaduras militares de Chile, Arxentina ou Guatemala e o establecimento do principio de xustiza universal – agora restrinxido na lei tras acordo entre PP e PSOE – reconciliáronme un algo con Garzón, por máis que sempre pensara que á parte de ollar cara os crimes cometidos polas ditaduras latinoamericanas conviña tamén ver de axuizar os perpetrados polo fascismo español. E tamén pode ser que para perseguir os crimes do franquismo houbese que anular previamente a Lei de Amnistía de 1977 formulando a correspondente cuestión de inconstitucionalidade. Proceso, por certo, que nos permitiría non só recuperar a memoria dos que deron a vida por defender as liberdades mais tamén revisar unha transición que, lonxe de ser modélica, segue a condicionar negativamente a democracia no Estado español. Porque, ao cabo, que diferenza hai entre a lei de amnistía española e as leis de ponto final de Arxentina ou Chile? Que é o que distingue os desaparecidos de Franco dos de Videla ou Pinochet? Porén esta non foi a liña seguida por Garzón: el preferíu non cuestionar a lei de amnistía e proceder pola vía, xuridicamente incerta e limitada, da imprescriptibilidade das desaparicións do franquismo.

En todo caso, e sexa como for, Garzón vai ser xulgado por perseguir os asasinatos e desaparicións da ditadura franquista. Por este e non por outros motivos. E vaino ser tras ser acusado por organizacións de estrema dereita, como “Falange Española” e “Manos Limpias” que actúan, como no caso do “Prestige”, como brazo armado do PP. É por iso que neste caso, só neste caso, apoiar a Garzón é apoiar a xustiza. Unha xustiza que, se fose de verdade, faría desaparecer a Audiencia Nacional e a anularía da Lei de Amnistía.

0 comentarios: