3.1.10

Os veciños do Puntal en Neda espectantes ante" a chegada" do Bus o día de Reis


NEDA As empresas Arriva e Tranvías do Ferrol combinarán un servizo cada hora
16/12/2009
O conflito cos veciños do Puntal, en Neda, pola carencia dun servizo regular de transporte público está ás portas de atopar unha solución. Segundo o alcalde, Ignacio Cabezón, técnicos da Dirección Xeral de Transportes da Xunta confirmaron onte, durante unha reunión no edificio administrativo da praza de España, en Ferrol, que a partir do día 6 de xaneiro empezará a operar un novo servizo compartido polo que se duplicarán as frecuencias dos buses.
Segundo explicou onte o alcalde de Neda, será, nun primeiro momento, unha ruta que farán por igual as empresas Arriva e Tranvías do Ferrol. A primeira delas, pasa cada dúas horas por esa estrada en servizo intermunicipal, e ata a data, era o único recurso do que dispuñan os veciños sen vehículo propio para desprazarse. En lugar diso, desde xaneiro haberá un servizo cada hora, que completará a horas alternas a empresa que xa realiza a liña urbana 1-2 entre Ferrol e Neda.
Á reunión de onte asistiron tanto Cabezón como o concelleiro de Tráfico, Antonio Seijo, e ambos demandaron como un obxectivo a continuación da liña urbana «cada vinte minutos» ata a zona do Puntal. No entanto, o rexedor considerou viable a solución exposta pola Xunta, polo menos, «de momento».
A delegación municipal no encontro con representantes da Dirección Xeral de Transportes tamén se asegurou de que esa modificación non gravase as arcas locais, e o alcalde confirmou que serán as dúas empresas de autocares as que corran co custo engadido, mentres que o prezo do billete seguirá sendo bonificado dentro do plan metropolitano.
Ese anuncio supón que haberá buses circulando polo Puntal cada hora desde as dez da mañá ata as dez da noite, apuntou Ignacio Cabezón, quen tamén afirmou que o goberno municipal seguirá negociando coa Dirección Xeral de Transportes, que é o organismo da Xunta con competencias para aprobar as liñas de pasaxeiros en Galicia, a instauración definitiva do bus de Tranvías do Ferrol con frecuencia cada vinte minutos.
Presión veciñal
O anuncio non só responde ás xestións municipais ante a Administración autonómica, senón tamén á presión exercida polo colectivo de veciños do Puntal, que no mes de outubro protagonizaron o primeiro corte da estrada AC-115, que une Neda con Fene, para protestar pola situación dese núcleo nedense.
Desde a Xunta chegaron a anunciar a solución «experimental» de combinar as rutas das dúas empresas, e apuntaran a finais deste mes para a súa implantación. Os veciños, pola súa banda, deron o mes pasado unha tregua nas súas protestas ata o día 8 de xaneiro.la voz

0 comentarios: