Nos últimos días asistimos a unha importante folga do transporte de carbón, por mor do cambio de concesionaria, e tamén coñecemos datos sobre a importancia que ten o tránsito de carbón importado para os resultados económicos da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. Porén, malia ficar clara cos exemplos anteriormente citados a importancia económica deste sector na nosa comarca, non se coñece ningunha xestión por parte das administracións públicas, nomeadamente a Xunta, nin por outros axentes sociais, sobre a garantía do consumo habitual de carbón na central térmica de As Pontes.
Nestes momentos hai un debate aberto nas zonas mineiras do Estado sobre a necesidade urxente de consumo de carbón autóctono para a producción eléctrica. Agora, polo seu alto prezo, case non se consume este carbón e as centrais térmicas que funcionan con este mineral teñen acumulado moreas de toneladas nos seus parques de carbóns, nalgún caso mesmo para o consumo normal de todo un ano.
Asemade, a crise está incidindo de forma directa no consumo eléctrico e, a outubro deste ano,
rexístrase unha baixada do 4,6% a respecto do mesmo tempo do ano pasado, e debemos lembrar que o ano 2008 foi o de menor crecemento de consumo desde o ano 1993.
Se a estes factores sumamos que a potencia instalada no Estado (a capacidade de producir enerxía) incrementouse nese tempo nun 5% -sobre todo en ciclos combinados e en renovábeis- veremos a complexa situación para darlle saída ao carbón autóctono.
Por iso, a presión de axentes sociais, políticos e institucionais de diferentes comunidades autónomas provocou a aprobación por parte do Goberno do Estado dun borrador de Real Decreto, que está agora en fase de alegacións para ser aprobado antes de fin de ano, co fin de primar económicamente e favorecer o consumo de carbón autóctono por parte das nove centrais térmicas que o consumen no Estado, ningunha delas en Galiza.
Loxicamente, a posta en funcionamento destas centrais, provocará que outras tecnoloxías queden fóra do mercado, nelas podería estar, entre outras, o carbón importado que se consume nas Pontes e en Cerceda. Mais nesta situación non coñecemos ningunha xestión, nin de axentes sociais nin da Xunta do PP -máis interesada en derrubar as actuacións do goberno do bipartito BNG-PSOE que en gobernar este país- para garantir que o novo Real Decreto non afecte á actividade económica da nosa comarca.
Mentres, para as empresas eléctricas -expertas en negociacións deste tipo co Goberno do Estado- o borrador do Real Decreto recolle que as centrais que deixen de producir, para darlle prioridade ao carbón autóctono, cobrarán o lucro cesante; é dicir, poderán manter os ingresos e mesmo aforrar nos custos de mantemento e de subministro.
Mágoa que mentras que noutras zonas do Estado, ben sexa por cuestións territoriais, sociais ou de postos de traballo, estáse a defender este sector ante o impacto que ten na súa economía; no caso de Galiza a Xunta fica desaparecida. A enerxía, polo que se vé, non é o seu ponto forte...
10.11.09
O consumo de Carbón en As Pontes
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 3:58 da tarde
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
0 comentarios:
Enviar um comentário