2.11.09

A Legalidade do Concurso Eólico

1. Limiar. Os primeiros meses do Goberno de Feijóo.

A Xunta aprobou o xoves un proxecto de lei regulador da enerxía eólica que derroga o Decreto aprobado polo bipartito. Unha vez o aprobe o Parlamento de Galicia, o conselleiro de Economía e Industria acordará, ao abeiro do Dereito Transitorio, o desestimento das adxudicacións do anterior Goberno que resolveron o concurso eólico convocado ao abeiro do devandito Decreto regulador.

A adopción desta medida non se albiscaba inmediata aló polos primeiros meses do Goberno Feijóo, cando o director xeral de Industria, Angel Tahoces, chegou a recoñecer que os emprazamentos dos parques admitidos polo Goberno anterior eran ambientalmente correctos, respectando plenamente a Rede Natura.

Mais semella que no interín, dende outras consellarías do Goberno se traballaba nunha folla de ruta distinta. E esta opción abriuse paso entre manifestacións públicas de Iberdrola e Gas Natural de que presentarían as súas ofertas a un novo concurso, novo concurso que semellaba xuridicamente imposíbel sen un acordo do Consello Consultivo ou unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contrarios ao Decreto. Iberdrola e Gas Natural non haberían sospeitar a posibilidade da repetición do concurso, de non ser por dispór dalgunha información privilexiada ou por confiar na boa fin do traballo de “lobby” que de xeito continuo exerceron dende a mesma data da toma de posesión do novo Goberno.

Mentres, a propia Xunta defendía perante o TSXG (no marco dun contencioso interposto por Endesa contra o Decreto eólico) a legalidade do Decreto do bipartito, existindo un asisado informe nese senso dun alto cargo da Asesoría Xurídica da Xunta unanimemente ben considerado pola súa independencia política e preparación xurídica.

2. A solución do Goberno Feijóo: un enxeño xurídico inconstitucional.

O Decreto do Goberno anterior era legal e ía resultar case imposíbel acadar a súa anulación polas vías previstas na Lei: declarala radicalmente nula (por gravísimas infraccións xurídicas) previo informe favorábel do Consello Consultivo ou pedirlle ao TSXG unha sentenza anulatoria por infraccións xurídicas ordinarias. Para superar estas, aparentementes insuperábeis eivas, botouse mán dun artificio xurídico: os 29 adxudicatarios do concurso eólico non serían titulares de dereitos, porque a adxudicación non era definitiva. E, atopado este artificio, elixiuse a vía máis acaída para dificultar o acceso dos adxudicatarios á xurisdición: a aprobación dunha Lei. Porque, aprobada a lei e desestida, ao seu abeiro, a anterior adxudicación polo Goberno, os adxudicatarios prexudicados poderán recorrer perante o TSXG eses actos de desestimento. Mais o TSXG, para lles poder amparar en sentenza aos adxudicatarios, requirirá que previamente o Tribunal Constitucional declare inconstitucional este artificio xurídico, ao ter rango de Lei.

¿Por qué é inconstitucional esta solución? Porque vulnera as bases do réxime xurídico das Administracións Públicas, concretamente, das garantías (emanadas do dereito á tutela efectiva do artigo 24 da Constitución) que impiden a anulación de actos administrativos executivos e creadores de facultades e dereitos para os administrados pola actuación de Gobernos posteriores.

¿Por qué a adxudicación pasada xera dereitos a prol dos adxudicatarios? Porqué seleccionou os proxectos gañadores do concurso até a potencia máxima do mesmo. Deste xeito, a partires da presentación de cadansúas solicitudes de autorización, os adxudicatarios son xa titulares do dereito a obter a autorización administrativa para o seu proxecto logo da comprobación da súa legalidade e viabilidade técnica, xa avaliadas de xeito inicial na fase de selección do concurso.

3. A gravísima responsabilidade patrimonial da Xunta.

Os adxudicatarios teñen investido importantes cantidades en proxectos, estudos de medición do vento e outros, na merca de terreos ou en pagamentos a conta para que se lle fabriquen os muíños. Esas cantidades investidas haberán ser devolvidas aos investidores cos seus correspondentes xuros de demora. Porén, a indemnización incluiría tamén os beneficios deixados de perceber, por exemplo coa redución da prima por produción de enerxía eólica ou no caso de non poder instalar os parques por terse esgotado xa a capacidade de produción e evacuación a medio de novas autorizacións (novo concurso previsto na Lei). As indemnizacións a percebir serán potencialmente moi altas e pagarémolas entre todos.

4. Plena legalidade do decreto eólico do bipartito.

A Xunta alegaba en agosto catro razóns de ilegalidade no Decreto arestora vixente. A primeira baseábase en que a avaliación como mérito da oferta de participación pública vulneraba o dereito constitucional á libre empresa. Mais o Consello Consultivo xa deixara ben claro que a consideración como simple mérito da cesión pública era legal. Por outra banda, obxectábase que a Consellaría non tiña competencias para decidir a participación da Xunta de Galicia nunha empresa. Mais, a Consellaría só avaliaba o ofrecimento de participación que os distintos adxudicatarios prantexaron. Sería o Consello da Xunta quen tiña que aceptar os ofrecimentos das empresas e acordar a participación que asumiría a Xunta.

Alegaba tamén a Xunta que o Decreto non esixía a acreditación da aprobación do ponto de interconexión, cando si o facía na fase de autorización administrativa. E manifestaba que o concurso era propio dun sistema concesional e a explotación da enerxía eólica hase desenvolver legalmente a medio de autorizacións administrativas regradas. Porén, a Xunta continuará co sistema de concorrencia competititiva no novo marco legal, facendo bó o esquema do bipartito. E o bipartito respectaba este réxime de autorización regrada para todos aqueles que superaran o trámite de selección en réxime de concorrencia competitiva.

5. Un proceso cheo de incidentes.

Chamou a atención que o anteproxecto fose anunciado o xoves 6 de agosto, por mor da filtración publicada o mércores 5 en algúns medios. E o informe da directora xeral que ampara a desmontaxe gobernamental (contrastando con completos informes anteriores dalgún dos seus altos cargos) non saiu desa Asesoría Xurídica até o xoves 6, segundo o rexistro de saída.

Tramitouse un incidente de suspensión do Decreto no marco dun contencioso presentado por un dos empresarios que non obtiveron a selección dos seus proxectos. E a Xunta, vulnerando o precedente administrativo universal que lle obriga a defender os seus propios actos, non compareceu perante o TSXG nin alegou a prol da adxudicación eólica efectuada na legalidade polo Goberno.

A Xunta non atendeu a grave advertencia do informe do Consello Económico e Social (CES) verbo do proxecto, que advertía da probábel vulneración dos lexítimos dereitos dos adxudicatarios.

6. Conclusións.

O Decreto eólico do bipartito é legal. A desmontaxe da adxudicación do concurso eólico, prantexada pola Xunta de Feijóo, constitúe un artificio inconstitucional para obviar os dereitos dos adxudicatarios.

Eliminarase antixuridicamente unha decisión administrativa legal que ía xerar 8.000 empregos cun investimento en plans industrias asociados de 1.800 €/galego e que ía deixar nas arcas públicas o 14,3% dos beneficios da enerxía producida. Unha decisión administrativa plenamente xurídica que afortalaba a capacidade de amplos sectores empresariais galegos para canear a crise.

Desmóntase, pois, unha política legal útil para que a economía galega e o tecido empresarial galego remonten a crise. Desmóntase, pois, unha política creadora de riqueza e de emprego. A empresa galega é a grande prexudicada. E os máis satisfeitos coa solución do Goberno de Feijóo son as grandes distribuidoras eléctricas, ningunha delas galega

0 comentarios: