21.11.09

Entrevista TV Localia

15.11.09

Recorte dun 75,4% aos fondos da Xunta para discapacitados

A reiterada promesa de “manter” e mesmo “aumentar” o gasto destinado a áreas sociais nos Orzamentos Xerais da Xunta para o vindeiro 2010 volve bater coa realidade das contas públicas dos vindeiros doce meses, que xa tramita o Parlamento.

Á redución, xa avanzada por este diario, de case 200 millóns de euros en diferentes partidas do ámbito social, engádese unha drástica tesoirada aos fondos destinados a entidades cuxo labor social ten sido, historicamente, coidado polo Goberno galego, isto é, os colectivos de axuda a persoas con discapacidade.

A análise do proxecto de Orzamento da Consellería de Traballo e Benestar mostra ás claras unha drástica redución nas asignacións orzamentarias para estes colectivos, nomeadamente, coa desaparición dos convenios que financian o funcionamento ordinario de entidades senlleiras na comunidade, como a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), a Federación de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual (Fademga), ou a asociación Down Galicia.

Fronte aos 4,8 millóns de euros que, no exercicio de 2009, destinou a antiga Vicepresidencia do Benestar á actividade destes colectivos, o novo departamento de Traballo e Benestar reduce drasticamente a asignación, deixándoa en apenas 1,2 millóns ou, o que é o mesmo, rebaixándo nun 75,4% os fondos distribuídos, a través de convenios , polo departamento entón dirixido por Anxo Quintana.

Entre as partidas que a consellería de Beatriz Mato fai desaparecer en 2010 destacan os convenios de apoio a Cogami, que non contará coa axuda para a “formación de persoas con discapacidade física” que en 2009 acadou os 427.516 euros, cos 156.500 para o seu centro de formación en Lugo nin con 400.000 euros para outras actividades.

Na mesma situación atópase Feafes, especializada na atención ás enfermidades mentais, e que xa non recibirá os 400.000 euros asignados pola Vicepresidencia hai un ano. Algo semellante acontece con Down Galicia, que verá minguar o seu orzamentos en 250.000 euros e mais con Fademga –entidade coa que a número dous da consellería, Susana López Abella, compartiu onte un acto público–, que deixará de percibir 230.000 euros ou a entidade deportiva para persoas con discapacidade, á que se reservaran 220.000 euros nos derradeiros Orzamentos do bipartito.

Nas primeiras contas públicas do Executivo do PPdeG, todas as vías de colaboración económica con estas entidades quedan reducidas a dúas partidas xenéricas. A primeira delas, de 601.115 euros, ten por obxecto as “transferencias a asociacións e centros de minusválidos físicos, psíquicos e sensoriais”, unha partida xa criticada pola oposición parlamentaria, ao recuperar o termo “minusválidos”.

Este apartado do Orzamento complétase con 584.016 euros que terán como destino os “convenios de formación de persoas con discapacidade”, completando así o total de 1,2 millóns de euros
noticia Xornal

10.11.09

O consumo de Carbón en As Pontes

Nos últimos días asistimos a unha importante folga do transporte de carbón, por mor do cambio de concesionaria, e tamén coñecemos datos sobre a importancia que ten o tránsito de carbón importado para os resultados económicos da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. Porén, malia ficar clara cos exemplos anteriormente citados a importancia económica deste sector na nosa comarca, non se coñece ningunha xestión por parte das administracións públicas, nomeadamente a Xunta, nin por outros axentes sociais, sobre a garantía do consumo habitual de carbón na central térmica de As Pontes.
Nestes momentos hai un debate aberto nas zonas mineiras do Estado sobre a necesidade urxente de consumo de carbón autóctono para a producción eléctrica. Agora, polo seu alto prezo, case non se consume este carbón e as centrais térmicas que funcionan con este mineral teñen acumulado moreas de toneladas nos seus parques de carbóns, nalgún caso mesmo para o consumo normal de todo un ano.
Asemade, a crise está incidindo de forma directa no consumo eléctrico e, a outubro deste ano,
rexístrase unha baixada do 4,6% a respecto do mesmo tempo do ano pasado, e debemos lembrar que o ano 2008 foi o de menor crecemento de consumo desde o ano 1993.
Se a estes factores sumamos que a potencia instalada no Estado (a capacidade de producir enerxía) incrementouse nese tempo nun 5% -sobre todo en ciclos combinados e en renovábeis- veremos a complexa situación para darlle saída ao carbón autóctono.
Por iso, a presión de axentes sociais, políticos e institucionais de diferentes comunidades autónomas provocou a aprobación por parte do Goberno do Estado dun borrador de Real Decreto, que está agora en fase de alegacións para ser aprobado antes de fin de ano, co fin de primar económicamente e favorecer o consumo de carbón autóctono por parte das nove centrais térmicas que o consumen no Estado, ningunha delas en Galiza.
Loxicamente, a posta en funcionamento destas centrais, provocará que outras tecnoloxías queden fóra do mercado, nelas podería estar, entre outras, o carbón importado que se consume nas Pontes e en Cerceda. Mais nesta situación non coñecemos ningunha xestión, nin de axentes sociais nin da Xunta do PP -máis interesada en derrubar as actuacións do goberno do bipartito BNG-PSOE que en gobernar este país- para garantir que o novo Real Decreto non afecte á actividade económica da nosa comarca.
Mentres, para as empresas eléctricas -expertas en negociacións deste tipo co Goberno do Estado- o borrador do Real Decreto recolle que as centrais que deixen de producir, para darlle prioridade ao carbón autóctono, cobrarán o lucro cesante; é dicir, poderán manter os ingresos e mesmo aforrar nos custos de mantemento e de subministro.
Mágoa que mentras que noutras zonas do Estado, ben sexa por cuestións territoriais, sociais ou de postos de traballo, estáse a defender este sector ante o impacto que ten na súa economía; no caso de Galiza a Xunta fica desaparecida. A enerxía, polo que se vé, non é o seu ponto forte...

4.11.09

O BNG logra incrementar as partidas orzamentarias do Estado para Galiza

Francisco Jorquera e Olaia Fernández Davila Este incremento das partidas está acompañado doutras melloras conseguidas polo BNG como beneficios fiscais para o sector agrario. A isto hai que engadirlle o impacto económico das transaccionais pactadas onte polo BNG na Comisión de Orzamentos, como é a prórroga do Plan 2000E para renovar o parque de automóbiles, o mantemento da dedución dos 400 euros para as rendas máis baixas e a modificación da coñecida como “Lei Beckham”.

Hoxe, Francisco Jorquera chegou a acordos transaccionais co grupo socialista na Comisión de Orzamentos en relación ás partidas para Galiza. Uns acordos que non van variar a posición do BNG contraria aos Orzamentos estatais 2010, xa que o os nacionalistas galegos non modifican a avaliación global que fan destas contas estatais “coas que estamos en profundo desacordo”.

29 millóns máis para os investimentos en Galiza

No que atinxe aos investimentos territorializados, o BNG conseguiu uns 29 millóns de euros máis para Galiza en capítulos como o ferroviario e investimentos locais en materias como cultura, vivenda e medio ambiente.

En relación ao capítulo ferroviario, o BNG conseguiu os seguintes incrementos de partidas, catro millóns de euros para o tramo do Eixo Atlántico Ferrol-A Coruña, dous millóns para o tramo do AVE Lugo-Ourense e un millón para o tramo do AVE Vigo-fronteira portuguesa

Na materia referida ao medio ambiente, destínase unha partida dun millón de euros para a rexeneración da Ría de O Burgo.

O resto vai parar a diversos investimentos locais a negociar con concellos e que teñen relación con materias como a cultura, o medio ambiente e vivenda.

Melloras fiscais para o sector agrario
Respecto aos beneficios fiscais para o sector agrario, Jorquera explicou que “conseguimos que para o 2010 se adecúen os módulos no sector gandeiro, especialmente nas explotacións lácteas, ás circunstancias de crise económica derivada dos baixos prezos no sector, sen esquecer outros axustes debidos a situacións climatolóxicas ou perdas de produción que poidan xurdir.

Ademais, os nacionalistas galegos lograron unha conxelación das cotizacións sociais dos gandeiros que así non se teñen que enfrontar a subas para o 2010.

2.11.09

A Legalidade do Concurso Eólico

1. Limiar. Os primeiros meses do Goberno de Feijóo.

A Xunta aprobou o xoves un proxecto de lei regulador da enerxía eólica que derroga o Decreto aprobado polo bipartito. Unha vez o aprobe o Parlamento de Galicia, o conselleiro de Economía e Industria acordará, ao abeiro do Dereito Transitorio, o desestimento das adxudicacións do anterior Goberno que resolveron o concurso eólico convocado ao abeiro do devandito Decreto regulador.

A adopción desta medida non se albiscaba inmediata aló polos primeiros meses do Goberno Feijóo, cando o director xeral de Industria, Angel Tahoces, chegou a recoñecer que os emprazamentos dos parques admitidos polo Goberno anterior eran ambientalmente correctos, respectando plenamente a Rede Natura.

Mais semella que no interín, dende outras consellarías do Goberno se traballaba nunha folla de ruta distinta. E esta opción abriuse paso entre manifestacións públicas de Iberdrola e Gas Natural de que presentarían as súas ofertas a un novo concurso, novo concurso que semellaba xuridicamente imposíbel sen un acordo do Consello Consultivo ou unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contrarios ao Decreto. Iberdrola e Gas Natural non haberían sospeitar a posibilidade da repetición do concurso, de non ser por dispór dalgunha información privilexiada ou por confiar na boa fin do traballo de “lobby” que de xeito continuo exerceron dende a mesma data da toma de posesión do novo Goberno.

Mentres, a propia Xunta defendía perante o TSXG (no marco dun contencioso interposto por Endesa contra o Decreto eólico) a legalidade do Decreto do bipartito, existindo un asisado informe nese senso dun alto cargo da Asesoría Xurídica da Xunta unanimemente ben considerado pola súa independencia política e preparación xurídica.

2. A solución do Goberno Feijóo: un enxeño xurídico inconstitucional.

O Decreto do Goberno anterior era legal e ía resultar case imposíbel acadar a súa anulación polas vías previstas na Lei: declarala radicalmente nula (por gravísimas infraccións xurídicas) previo informe favorábel do Consello Consultivo ou pedirlle ao TSXG unha sentenza anulatoria por infraccións xurídicas ordinarias. Para superar estas, aparentementes insuperábeis eivas, botouse mán dun artificio xurídico: os 29 adxudicatarios do concurso eólico non serían titulares de dereitos, porque a adxudicación non era definitiva. E, atopado este artificio, elixiuse a vía máis acaída para dificultar o acceso dos adxudicatarios á xurisdición: a aprobación dunha Lei. Porque, aprobada a lei e desestida, ao seu abeiro, a anterior adxudicación polo Goberno, os adxudicatarios prexudicados poderán recorrer perante o TSXG eses actos de desestimento. Mais o TSXG, para lles poder amparar en sentenza aos adxudicatarios, requirirá que previamente o Tribunal Constitucional declare inconstitucional este artificio xurídico, ao ter rango de Lei.

¿Por qué é inconstitucional esta solución? Porque vulnera as bases do réxime xurídico das Administracións Públicas, concretamente, das garantías (emanadas do dereito á tutela efectiva do artigo 24 da Constitución) que impiden a anulación de actos administrativos executivos e creadores de facultades e dereitos para os administrados pola actuación de Gobernos posteriores.

¿Por qué a adxudicación pasada xera dereitos a prol dos adxudicatarios? Porqué seleccionou os proxectos gañadores do concurso até a potencia máxima do mesmo. Deste xeito, a partires da presentación de cadansúas solicitudes de autorización, os adxudicatarios son xa titulares do dereito a obter a autorización administrativa para o seu proxecto logo da comprobación da súa legalidade e viabilidade técnica, xa avaliadas de xeito inicial na fase de selección do concurso.

3. A gravísima responsabilidade patrimonial da Xunta.

Os adxudicatarios teñen investido importantes cantidades en proxectos, estudos de medición do vento e outros, na merca de terreos ou en pagamentos a conta para que se lle fabriquen os muíños. Esas cantidades investidas haberán ser devolvidas aos investidores cos seus correspondentes xuros de demora. Porén, a indemnización incluiría tamén os beneficios deixados de perceber, por exemplo coa redución da prima por produción de enerxía eólica ou no caso de non poder instalar os parques por terse esgotado xa a capacidade de produción e evacuación a medio de novas autorizacións (novo concurso previsto na Lei). As indemnizacións a percebir serán potencialmente moi altas e pagarémolas entre todos.

4. Plena legalidade do decreto eólico do bipartito.

A Xunta alegaba en agosto catro razóns de ilegalidade no Decreto arestora vixente. A primeira baseábase en que a avaliación como mérito da oferta de participación pública vulneraba o dereito constitucional á libre empresa. Mais o Consello Consultivo xa deixara ben claro que a consideración como simple mérito da cesión pública era legal. Por outra banda, obxectábase que a Consellaría non tiña competencias para decidir a participación da Xunta de Galicia nunha empresa. Mais, a Consellaría só avaliaba o ofrecimento de participación que os distintos adxudicatarios prantexaron. Sería o Consello da Xunta quen tiña que aceptar os ofrecimentos das empresas e acordar a participación que asumiría a Xunta.

Alegaba tamén a Xunta que o Decreto non esixía a acreditación da aprobación do ponto de interconexión, cando si o facía na fase de autorización administrativa. E manifestaba que o concurso era propio dun sistema concesional e a explotación da enerxía eólica hase desenvolver legalmente a medio de autorizacións administrativas regradas. Porén, a Xunta continuará co sistema de concorrencia competititiva no novo marco legal, facendo bó o esquema do bipartito. E o bipartito respectaba este réxime de autorización regrada para todos aqueles que superaran o trámite de selección en réxime de concorrencia competitiva.

5. Un proceso cheo de incidentes.

Chamou a atención que o anteproxecto fose anunciado o xoves 6 de agosto, por mor da filtración publicada o mércores 5 en algúns medios. E o informe da directora xeral que ampara a desmontaxe gobernamental (contrastando con completos informes anteriores dalgún dos seus altos cargos) non saiu desa Asesoría Xurídica até o xoves 6, segundo o rexistro de saída.

Tramitouse un incidente de suspensión do Decreto no marco dun contencioso presentado por un dos empresarios que non obtiveron a selección dos seus proxectos. E a Xunta, vulnerando o precedente administrativo universal que lle obriga a defender os seus propios actos, non compareceu perante o TSXG nin alegou a prol da adxudicación eólica efectuada na legalidade polo Goberno.

A Xunta non atendeu a grave advertencia do informe do Consello Económico e Social (CES) verbo do proxecto, que advertía da probábel vulneración dos lexítimos dereitos dos adxudicatarios.

6. Conclusións.

O Decreto eólico do bipartito é legal. A desmontaxe da adxudicación do concurso eólico, prantexada pola Xunta de Feijóo, constitúe un artificio inconstitucional para obviar os dereitos dos adxudicatarios.

Eliminarase antixuridicamente unha decisión administrativa legal que ía xerar 8.000 empregos cun investimento en plans industrias asociados de 1.800 €/galego e que ía deixar nas arcas públicas o 14,3% dos beneficios da enerxía producida. Unha decisión administrativa plenamente xurídica que afortalaba a capacidade de amplos sectores empresariais galegos para canear a crise.

Desmóntase, pois, unha política legal útil para que a economía galega e o tecido empresarial galego remonten a crise. Desmóntase, pois, unha política creadora de riqueza e de emprego. A empresa galega é a grande prexudicada. E os máis satisfeitos coa solución do Goberno de Feijóo son as grandes distribuidoras eléctricas, ningunha delas galega