Foto GZnacion
Ciudadano Rey:
Lin con moita atención o seu artigo do domingo, no que amosa a súa preocupación polo que está a acontecer na sociedade galega, e teño que recoñecer que coincido con vostede en moitas das súas reflexións, que certamente preocupan aos cidadáns, tales como a crise económica, a destrucción da paisaxe, a agravio comparativo en investimentos a respeito de outros territorios do estado, o dispendio no gasto de diñeiro público, o trato dado a sociedades anonimas deportivas, e mesmo os excesos do Gaiás para un país como o noso.
O seu artigo pode resultar incluso enternecedor, pero si pormenorizamos nos contidos, a súa demagoxia agroma tanto como ese agocentrismo de autodemominarse "notario da verdade", defensor das liberdades e da democracia en un verdadeiro alarde obsceno de falsa modestia.
Sorprende escoitar de vostede a preocupación polas axudas con cartos públicos a empresas que contribuiron a xenerar a situación de crise económica omitindo que a súa propria é a que máis diñeiro recibe en subvencións entre todos os medios de comunicación por parte do goberno galego, dato este, por certo que omite o seu xornal cecais por escandaloso.
Aínda compartindo que o Gaiás pesa como o granito para as arcas públicas galegas, non vemos os galegos as mesmas criticas en La Voz de Galicia a un gasto, se cadra maior, e tan incomprensíbel como o porto exterior da Coruña, a poucas millas do de Ferrol e sen a financiación necesaria pero feito con urxencia para garantir a especulación nos terreos do porto coruñés.
Entendo que cuestione vostede os esaxerados gastos da administración en asuntos menores, pero a súa belixerante actitude co goberno bipartito, non a percibimos os galegos cando Fraga e Núñez Feijoo mercaron luxosos audis ou cando gastan milleiros de euros en cambiar cartelística e imaxes mentras deixan de abrir escolas infantís, centros de día públicos ou o investimento en politicas sociais mentras subvencionan colexios privados que segregan por sexos.
Os galegos podemos entender as súas demandas de millor e maior financiamento, pero as súas palabras non son coerentes coa realidade: critica un plan eólico que se reparte en máis de trinta proxectos de criación de industria e postos de traballo e que deixa ás arcas públicas arredor do 15% do rendimento en época de crise, pero cando o goberno de Fraga repartiu a Francisco Vazquez e Castro Baldivia "a dedo" muíños eólicos non o vimos nin a vostede nin ao seu medio na defensa da tan cacareada transparencia.
As súas análises conservadoras sobre a realidade politica quedan ben ás claras na súa visión do estatuto catalán, posicionandose abertamente de parte das teses máis centralistas do Partido Popular, aínda antes de facerse público o informe do tribunal constitucional. Toda unha demostración de independencia periodística.
Comparto tamén con vostede, señor Rey, o seu enfado pola especulación urbanística e a destrucción da paisaxe só pola priorización dos intereses económicos sobre a etica, pero lémbrolle que está de triste actualidade a sentencia do supremo sobre unha licencia ilegal concedida polo seu amigo Francisco Vazquez ao seu outro "amigo" Manuel Jove no edificio da antiga sede de FENOSA, mentras o medio de comunicación do que é editor se adicou na anterior lexislatura a combatir o decreto do Habitat ou a lei de protección da costa. Curiosamente, fai vostede tamén unha defensa velada da instalación de macropiscifactorías na Costa da Morte (Paz Andrade é membro do Consello de administración de Caixa Galicia e dono de Pescanova) e ao tempo exerce de ecoloxista.
Critica vostede un localismo (estamos de acordo) que despois practica na súa análise sobre a polémica da fusión das caixas, posicionandose claramente por unha absorción (non fusión) de Caixa Galicia sobre Caixanova, facendo gala de esa "independencia" que o caracteriza á hora de defender intereses de parte (o seu xornal sobrevive tamén gracias a caixa que dirixe Méndez), do lobby coruñés do que vostede se erixe en defensor mediático.
Sobre o galego e o galeguismo, chega con ver a porcentaxe que vostede adica no seu medio ao idioma galego, sen dúbida suficiente para xustificar subvencións por ese concepto mentras o goberno do PP aproba carísimas consultas sen valided legal suspende decretos e anuncia segregacións polo idioma co seu silencio cómplice no millor dos casos.
Esa comparación entre as politicas de outros países e o noso, desfaise no asunto aeroportuario, no que vostede é o principal valedor do localismo máis arcaico ao defender a ultranza unha competitividade entre galegos mentras os portugueses se benefician das guerras internas que vostede alimenta.
Sen dúbida, vostede practica nos seus artigos e no seu medio de comunicación, o mesmo discurso demagóxico ao tempo que reaccionario para facer unha interpretación interesada e paternalista de cara a unha sociedade que dí defender de palabra pero que manipula a diario, pero, señor Santiago Rey, "as palabras, levaas o vento" como din moitos dos nosos concidadáns con razón e sentido común, e as súas máis que as de ninguén, porque dí todo aquelo que non practica.
E por último, señor Rey, seguramente os sindicatos e os traballadores de La Voz de Galicia agradecerán ese aviso de tempos que lle farán tomar decisións duras e dificiles de entender, para que se vaian preparando para restriccións salariais, despedimentos, ou mesmo expedientes de regulación... eso sí, polo ben de Galicia da liberdade, da democracia e da verdade, nonsí?
Atentamente:
Carlos García Rey
1.9.09
O NOTARIO DA VERDADE. (LA VERDAD DE LA CALLE).
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 6:19 da tarde
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
0 comentarios:
Enviar um comentário