13.9.09

Cando a demagoxia estoupa na cara


O Valedor do Pobo na lectura do seu informe o pasado día 8 fixo especial fincapé nas queixas recibidas durante o ano 2008 ao respecto da aplicación da Lei de Dependencia no noso país. Non pode pasar desapercibido nin para os cidadáns afectados nin para o conxunto da poboación que as queixas sobre a dependencia só supuxeron no ano 2008 o 3,2% do total das queixas recibidas polo Valedor e que tal porcentaxe está moi por debaixo das queixas recibidas polo mesmo motivo noutros organismos de amparo doutras comunidades autónomas no que as queixas pola aplicación da Lei de Autonomía Persoal significaron entre o 10 e o 15% das queixas remitidas.

As queixas ante o Valedor así como as denuncias xudiciais formaron parte da estratexia do PP anunciada polo señor Feijóo contra o Goberno bipartito. Por suposto que tal circunstancia non vai en detrimento do dereito dos cidadáns a protestar nin do Valedor a colocar a importancia e o protagonismo do seu informe onde lle pete, pero sí explica que o gran argumento do PP para intentar tapar a súa falta de proxecto e xestión nos Servizos Sociais sexa o informe do Valedor.

A construcción dun servizo público universal é unha das tarefas máis ilusionantes que pode realizar un goberno. Pero tamén, como todas as grandes empresas, difícil e traballosa. Tal foi o noso sentimento coa aprobación da Lei Galega de Servizos Sociais e a posta en marcha do Sistema Galego de Benestar na pasada lexislatura.

Nun tempo récord constituíuse, en colaboración cos concellos, un organismo público de xestión, o Consorcio, que en tan só dous anos e medio puxo en marcha 233 instalacións públicas de Igualdade e Benestar, entre eles 57 Centros de Día. No mesmo tempo a administración galega valorou 54.655 solicitudes de Atención á Dependencia (o 94% das presentadas) e á altura de abril do 2009, 15.000 persoas disfrutaban xa en Galiza dalgunha prestación do Sistema Galego de Autonomía Persoal. Sen dúbida cifras insuficientes pero positivas se temos en conta que partíamos da nada.

Mentres tanto, o PP dende a oposición adicouse á demagoxia e á política de terra queimada. Ben acompañado pola aristocracia mediática encheu páxinas de periódico con fotos de dependentes que esperaban pola súa prestación sen dicir que xa eran dependentes cando gobernaba Fraga. Intentaron desacreditar a Rede Pública e o seu organismo de xestión, o Consorcio, sen dicir qué alcaldes do PP participaron na súa constitución e nas súas posteriores tomas de decisión.

Teño para min que a saña que o PP utilizou e segue a utilizar contra o Sistema Galego de Benestar ten unha explicación política: intentar desterrar a perigosa asociación de ideas que a cidadanía podería facer entre nacionalismo e benestar. Que se nos asocie coa defensa da identidade do país o levan mal, que se nos identifique co traballo para acadar o Benestar dos cidadáns non están dispostos a soportalo.

O problema para o PP chega agora cando ten que gobernar o sistema sen crer nel e ademáis ten que facelo ca pesada carga da súa demagoxia. ¡Pola boca morre o peixe!

Cando non se teñen ideas nin capacidade o máis doado é botarlle a culpa aos demáis. De aí que para intentar ocultar a súa falta de solucións, acusen ao bipartito de mala xestión e a Madrid de non dar cartos. Segundo a conselleira e o presidente para poder atender aos dependentes en Galiza faría falla que Madrid nos dera cada ano máis de 400 millóns de euros e agora só nos dá 100. Resulta obvio que se con esa falta de financiación o bipartito foi capaz de pór en marcha 57 centros de día, 7 centros residenciais e atender a 15.000 dependentes a súa xestión lonxe de considerarse deficiente debería ser calificada de auténticamente máxica.

O PP perdeu esta semana no Parlamento unha oportunidade única para pedir perdón pola demagoxia do pasado, recoñecer os avances conseguidos polos adversarios, reclamar paz para unha obra que debe ser de todos e empezar a gobernar para mellorar o feito... si se pode! Pero segundo parece interesa moito máis prolongar indefinidamente a campaña electoral que gobernar para consolidar un Servizo Público. Por eso despois de tanto berrar e anunciar que en cen días arranxaría o tema da dependencia agora a única promesa que se atreve a facer o presidente Feijóo consiste en anunciar que terá a 18.500 dependentes atendidos a finais do ano 2009. O bipartito atendeu a 15.000 en dous anos e agora a gran fazaña do señor Feijóo é atender a 3.500 en nove meses! Mentres tanto, 20 centros xerontolóxicos construídos e rematados polo bipartito esperan a ser postos en funcionamento polo novo Goberno. Boa demostración do que significa a austeridade para o PP: recortes na extensión do Servizo Público que fan dudar ata das súas cativas promesas. A demagoxia estóupalle na cara ao presidente e con demagoxia non se goberna.

0 comentarios: