23.2.08

"Somos o Obama desta campaña electoral"

O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, fixo esta mañá na súa intervención nun mitin en Foz un paralelismo entre a campaña eleitoral no estado español e as primarias norteamericanas e asegurou que “o BNG é o Obama desta campaña.
O portavoz nacional explicou que nos comicios americanos “parecía que todo estaba predestinado con candidatos oficiais que se daban por bos ata que chegou outra alternativa, Barak Obama, un candidato negro, orgulloso da súa identidade, con unha proposta nova e que rompe o guión”. O líder nacionalista marcou as “clarisimas diferencias que ten o BNG con Obama, pero o BNG é o Obama da campaña eleitoral na que estamos. Un BNG que representa á Galiza orgullosa de si mesma, que non se prega nin se humilla ante os candidatos da oficialidade estatal e que lle di ben alto aos galegos e galegas: podémolo facer. Nós podémolo facer, depende de nós que o fagamos. Unha Galiza orgullosa de si mesma, que dependa de si mesma, unha Galiza de todos e de todas”.
"Dicímoslle aos galegos e galegas ben alto: Podémolo facer"O portavoz do Bloque afirmou que nestas elecións “imos romper o guión e demostraremos que non todo está predeterminado, non todo está escrito, porque sabemos que agora lle toca a Galiza. Nin PP nin PSOE, xa ía sendo hora de que lle tocara a Galiza”.
O BNG mete a Galiza na campaña
“Por que sempre temerosos”, continuou Quintana, “por que sempre mirando a outro lado, humillándonos. Somos capaces de producir por nós mesmos e temos proxectos políticos, cando menos, tan bos, como os que poden vir de fóra. Chegou o momento de actuar por nós mesmos sen deixarnos alucinar polas campañas que veñen de fóra”.
Neste sentido, o portavoz nacionalista indicou que é o BNG “quen está a meter a Galiza na campaña. Porque sen nós non falarían de Galiza para dicer se chove ou fai sol”.
"Se non fose polo BNG non falarían de Galiza nin para dicir se chove ou fai sol"“O BNG mete a Galiza na campaña utilizando a verdade e o compromiso. Rajoy, o que fai é mentir”, acrecentou Quintana, ao tempo que criticou ao popular polas múltiples promesas sen fundamento que lanzou ao longo da campaña. Entre ellas destacou a de onte, “dixo que nos ía encher de garderías. Tarde piaches”, apuntou.
Neste sentido, o portavoz nacional e vicepresidente explicou o labor que está a facerse desde o goberno para elevar a cobertura de educación infantil para acadar a media europea do 33% ao final desta lexislatura e apuntou que “por fin Lugo vai ser a primeira en algo, será a primeira en galescolas”
Galegos a tempo completo
"Non podemos ser galegos mediopensionistas, hai que selo a tempo completo e votar BNG"O portavoz nacional fixo un chamamento a todos os galegos e galegas para que acudan a votar o 9 de marzo e apuntou que “non podemos ser galegos mediopensionistas, hai que selo a tempo completo e agora temos que lembralo porque non toca nin PP nin PSOE, toca o BNG e Galiza”.

0 comentarios: