Segundo día desta campaña eleitoral e, de momento, mantéñome firme no meu propósito de non romper o meu vencello dixital con todos e todas vós.O día toca á súa fin. Unha xornada un tanto accidentada que, malia todo, rematou ben. Estivemos na Mariña lucense pola mañá, na sala Bahía de Foz. O local é unha antiga sala de baile, segundo nos teñen contado. Cantas historias poderían contar esas paredes se falasen! En algun local da vila pódense ver fotos da sala nos seus mellores tempos de festa. Creo que o mitin desta mañá servíu para recuperar un pouco eses tempos porque o certo é que os ánimos eran festivos. Moitas grazas a todos e todas as que acudistes, sobre todo aos moitos que aguantastes de pé até o final.Tamén en Carballo este serán houbo xente que aguantou en pé. Alí dixo unha grande verdade o compañeiro Evencio, (bueno, dixo moitas, pero ésta estaba entre elas) o BNG é a candidatura das ideas, dos argumentos, asi que, se tanto lles preocupan aos do PP, que queden eles coas farolas, que fagan o que queiran con elas porque non teñen moito máis que facer.Sorprendinme esta mañá cando lin na prensa a última das promesas de Mariano Rajoy: vai encher o estado español de garderías. Tarde piou. É o que teñen as campañas eleitorais, hai que oir de todo. Porque, desde logo, que un dirixente do Partido Popular veña agora a falar de políticas de benestar é, cando menos, paradóxico. Eles que deixaron o noso país ermo en infraestruturas de benestar, eles que criticaron e siguen a tentar boicotear a creación de galescolas no noso país… agora disque queren facer garderías! Repito, o que hai que oir en campaña eleitoral desta xente do PP!Hoxe, 23 de febreiro, quixen lembrar nas miñas intervencións públicas e quero deixar tamén constancia neste caderno dixital da importancia de recuperarmos o vindeiro 9 de marzo o espírito que levamos a Madrid tal día coma hoxe hai cinco anos. Alí fomos moitos e moitas a dicirlles alto e claro que con Galiza non poden facer o que lles pete. Que somos un país orgulloso e dono de si mesmo e que necesitamos (non é ningún capricho) termos as competencias en Salvamento Marítimo para evitar novas catástrofes no mar. Non se poden facer políticas acaídas para o mar e a pesca desde a lagoa do parque do Retiro porque, ademais de estar moi lonxe de Galiza (fisica e psiquicamente), xa o dicía a canción dedicada á capital ali non hai praia. Nin hai praia nin saben moi ben que facer con elas.
>> Anxo Quintana é portavoz nacional do BNG e vicepresidente da Xunta de Galicia. publicación feita no Xornal.com.
1 comentarios:
Pero non sabedes que os blogues dos candidatos/as do bng ao congreso teñen habilitada unha censura previa que filtra calquer comntrio non complaciente e laudatorio O que fai ver o "pais" dende o coche oficial e dende a moqueta.
Enviar um comentário