13.2.07

Pola revitalización do Sector Naval na ría ( Acto Público )

Este venres 16 de febreiro de 2.007 , ás 20:00 horas, o Consello Comarcal do BNG de Ferrolterra organiza, no salón de actos do Vicerreitorado-Campus de Esteiro (Ferrol), un acto público para explicar a proposta para a revitalización do sector naval na ría, posta en marcha pola Consellaría de Innovación e Industria, que xestiona o nacionalista Fernando Blanco.
Intervirán, ademais do propio conselleiro, Xosé María Rivera Arnoso, alcalde de Fene; Xoán Xosé Pita, candidato do BNG á Alcaldía de Ferrol; Francisco Rodríguez, portavoz do BNG no Congreso dos Deputados; e Anxo Quintana, vicepresidente da Xunta de Galiza.
No acto, os cargos públicos nacionalistas analizarán polo miúdo as iniciativas levadas a cabo até o de agora tanto polo Goberno galego como polo BNG a prol dun sector industrial de importancia estratéxica para o país, así como os obstáculos que está a pór a SEPI, máis interesada en favorecer outras zonas do Estado en detrimento do naval galego.
O proxecto presentado pola Consellaría implica a unha importante navieira galega, Barreras, e conta co aval de dúas entidades financeiras da solvencia de Caixanova e Caixa Galicia. Implicaría a creación de 300 postos de traballo directos e 2.000 indirectos, que contrastan coa parálise actual da factoría fenesa. Ao estar protagonizado por capital privado, atópase á marxe dos vetos negociados polo PSOE coa Unión Europea.

0 comentarios: