Durante anos, o milagre irlandés foi esgrimido como demostración do suceso neoliberal. Mercado laboral desregulado, baixo gasto social e un desenvolvemento do sector das tecnoloxías da información e da comunicación consecuencia da localización na illa de multinacionais como Intel ou Google, atraídas polas baixas impositivas, a proximidade cultural e lingüística cos Estados Unidos e, todo sexa dito, as facilidades para a expatriación de beneficios.
E o certo é que durante algúns anos o PIB medrou a taxas superiores ao 6%, entanto os bancos e investidores británicos, alemáns, franceses ou americanos acodían á verde Eirín atraídos por unha burbulla inmobiliaria e financeira en pleno crecemento. Mais, ao cabo, a burbulla explotou e como Torres López lembraba hai poucos días nun artigo, pouca xente lembra hoxe que Irlanda foi o primeiro Estado europeo, xa en 2008, en aplicar un draconiano plan de axuste que supuxo unha reducción do 20% no soldo dos empregados públicos, dun 10% no importe das prestacións sociais, un recorte xeneralizado dos programas educativos e sanitarios e a suba do IVA.
Daquela, ao tempo que recortaba o gasto social e produtivo, as autoridades irlandesas decidiron garantir o 100% dos depósitos bancarios nacionalizando deste xeito un burato financeiro superior aos 50.000 millóns de euros sen modificar a regulación do sector e sen incrementar os impostos de sociedades e o gravame sobre os rendimentos do capital. Daquela o FMI deulle os parabéns ao goberno irlandés e prognosticou que en 2009 o PIB crecería un 1%. Mais a realidade foi ben outra. O PIB irlandés esfragouse en 2009 nun 11%, como era de prever á vista do que estas políticas de austeridade recesiva están a provocar noutros países europeos como Letonia ou Grecia. E o burato financeiro seguíu a medrar, mentres o investimento e o consumo estomballaban.
E agora a Irlanda váiselle administrar un novo tratamento de choque. O mal chamado rescate do FMI e da Comisión Europea vai supor o afundimento definitivo do benestar e da calidade de vida do pobo irlandés: despedimento de até 25.000 empregados públicos e rebaixa dos seus salarios, reducción do salario mínimo nun 10%, incremento das taxas universitarias e do IVA, novos recortes do gasto social, educativo e sanitario para unha poboación entrampada en créditos hipotecarios cuxo importe chega a dobrar o valor da vivenda.
E máis outra vez, e non por acaso, o plano de rescate mantén o tipo do imposto de sociedades nun 12,5% –menos da metade da media comunitaria– e renuncia a incrementar o gravame sobre o capital financeiro.
A doutrina oficial explicou a resistencia irlandesa ao rescate nun suposto sentimento soberanista. O que ninguén lembrou é que, por dúas veces, o pobo irlandés rexeitara en referendo un modelo de construción da UE que agora os condena á recesión e á pobreza. Digámolo claramente, a UE e o FMI condenan ao pobo irlandés para rescatar con diñeiro público aos causantes da crise. Os rescatados van ser os bancos e fondos de investimento que acudiron solícitos a inchar o globo irlandés. Agora que este estalou vai ser o pobo de Irlanda e non os accionistas destes bancos os que paguen a factura. Iso si, o patético primeiro ministro irlandés, Brian Cowen, non terá problema: algún dos seus banqueiros amigos ha de mirar por el
xornal
27.11.10
A crise que vive Irlanda
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 10:00 da manhã
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
0 comentarios:
Enviar um comentário