18.9.10

A axenda do odio da dereita

¿Que ten en común a visita de Rajoy a Melilla, co desembarco do PP catalán –cunha eurodeputada francesa– en Badalona á busca de poblados ciganos, a expulsión masiva de ciganos rumanos de Francia ou Italia, a campaña racista/antimusulmá do Tea Party nos Estados Unidos ou a campaña contra o galego da dereita no noso país? A primeira vista un podería pensar que nada teñen que ver e que se trata de meras coincidencias, pero ao mellor ese tipo de coincidencias non son tan casuais.

Claro está que a situación de crise exacerba os problemas; a caída da actividade económica e do emprego aumenta o volume de persoas que quedan en situación de marxinalidade e, sobre todo, aumenta a intensidade da privación dos que xa se encontraban nesa situación. Iso aumenta os problemas de inseguranza e acentúa os conflitos sociais e a violencia de todo tipo que se vive dentro dos estratos marxinalizados e naqueles que están ao seu redor. Porque é ben sabido que a vivencia cotiá deses problemas só en moi pequena medida afecta aos sectores acomodados que, en xeral, quedan lonxe do alcance deses conflitos de convivencia.

Diante desa situación o discurso da esquerda por toda parte trata de racionalizar a situación, tratando de entender e explicar as raíces económicas do problema. Un modelo neoliberal que crea grandes desigualdades sociais, con amplas capas da poboación que vive na privación relativa ao lado da opulencia doutros e sometidas á tentación e presión consumista duns vendedores ávidos de mercado. Máis aínda, a esquerda trata de explicar como nos períodos expansivos o empresariado atraiu man de obra inmigrante, sobre todo nos sectores de baixa productividade, para poder crecer sen elevar os salarios. E, por fin, esa esquerda trata de explicar que a crise económica que deixa millóns de persoas sen emprego, cuns ingresos moi minguados ou reducidos a cero, está provocada por ese modelo neoliberal que se revela inviable; que á larga non é sostible un modelo onde uns países producen e crean emprego, outros consumen en base a rendas e débedas e outros nin unha cousa nin outra. Trata, en definitiva, de explicar que a exclusión social e os conflitos a ela asociados nacen dun modelo económico que cómpre superar e non das características dunhas etnias ou outras e, menos aínda, do feito de ser inmigrantes ou non.

Para a dereita, en cambio, o problema é completamente distinto. Non se trata de racionalizar o problema senón todo o contrario, aproveitalo para desatar a caixa de pandora dos prexuizos sociais e dos baixos instintos. Fronte ao discurso que trata de evidenciar a natureza complexa dese tipo de problemas sociais, a dereita busca acender a mecha das reaccións máis primarias, cos argumentos máis simples e ofrecendo tamén as solucións máis simples, cando menos aparentemente.

Faino xusto no momento en que as bases do modelo económico que encarna se amosan máis inconsistentes e deslexitimadas. No momento en que se evaporan os argumentos lexitimadores no eido económico bótase mán dos fantasmas que acubillan ao redor do medo ao futuro, a incerteza laboral, a inseguridade cidadá, etcétera. E, para iso, cómpre tapar as ameazas que están detrás de factores máis ou menos distantes e intanxibeis para a xente do común –como os fallos do modelo económico– e aguilloar as ameazas de carne e oso, as dos extraños que nos disputan os empregos, os costumes e os espacios. Cando non se teñen solucións para os problemas de fondo nada mellor que inventar problemas cara os que canalizar a carraxe da poboación. E se iso se pode facer alimentando o odio a algún enemigo fácil de bater pois mellor que mellor: os ciganos, os marroquinos, os inmigrantes en xeral.

Estes argumentos que, por outra parte, sempre están presentes no discurso da dereita, pasan a ocupar o centro da súa estratexia cando unha proporción crecente de xente por toda parte amosa un grao de desafección elevado a respeito deste sistema. Até o ponto de que, como amosan as enquisas, mesmo lle quita o crédito a unha “clase política” que parece incapaz de asumir o poder e a responsabilidade de endereitar a situación en beneficio da maioría. E, sobre todo, a estratexia da dereita radicalízase cando os sindicatos –aínda desde a moderación– empezan a artellar por Europa adiante unha tímida contestación social, que no noso caso se concreta na folga xeral do día 29 e que, para drama dunha socialdemocracia rendida, pilla ao PSOE no goberno.

Os ideólogos da dereita saben moi ben que para desprazar o foco de atención nada mellor que mudar de torneo e buscar outro terreo de xogo. Cómpre tamén que os enemigos que encarnan as ameazas sexan febles, o que lle dá un atractivo escepcional ao seu argumentario fronte ao da esquerda, que non se ocorre mellor idea que escoller como enemigos aos poderosos ou, máis difícil aínda, o sistema como tal. Con tamaña disparidade de enemigos, non hai dúbida de quen ten máis fácil arrecadar seareiros.

Pero o máis patético é cando, a falta dese imposible enemigo “exterior”, a dereita opta por cubrir a súa falla de alternativas erguendo a fronteira interior, facendo do autoodio bandeira tras da que fanatizar a todos os acomplexados do país.
Xavier Vence. Xornal

14.9.10


A dignidade no mundo da política, non é unha característica que en xeral poidamos apreciar a cotío.
Anxo Quintana relata nunha recente entrevista nun xornal galego, o seu pensamento sobre diferentes cuestións que están a debate no país, dende o recoñecemento de non estar en estes momentos na primeira liña de decisión política. Querer aparecer coma ex dirixente, alguén da súa ascendencia sobre unha importante parte da militancia do BNG, é un xesto de humildade, pouco común entre aqueles que saben que neste momento onde corresponde sumar é dende a reserva activa, agardando a que volva a chegar o seu momento. Concordo co de Allariz, en que determinados poderes fácticos temen ao nacionalismo moderado, e ademais engado que cando alguén destaca por riba da mediocridade, é un sumando que activa alarmas que fan espertar as conxuras dos necios de quenda.
Quintana pretendeu que a súa organización chegase a outros recunchos ideolóxicos da amalgama política galega, dende a plena convicción de que era o mellor tanto para o país, como para a súa propia organización. Algúns non entenderon esta achega positiva dende unha parte da esquerda nacionalista, disposta a mudar axiomas ideolóxicos, con tal de conseguir que todos aqueles que os prexulgaban como ameaza, o fixesen como alternativa. Sentíronse ameazados tanto os susoditos poderes fácticos, como os gardiáns das esencias da súa organización, enrocados nun ideal de corte marxista-leninista condenado á descomposición política que se aprecia, e que importantes dirixentes frontistas recoñecen ás agachadas, por medo á reacción do sursum corda.
O que é lamentable –e niso concordo con Anxo Quintana– é que a Galicia, para poderen acceder a aquelas demandas históricas en materia competencial, só lle queda a posibilidade de teren algún día un grupo parlamentario propio, ao estilo de vascos ou cataláns, que poida negociar estabilidade por autogoberno. Sería lamentable ter que chegar a unha situación de case chantaxe aritmética parlamentaria, para acceder a unha serie de competencias, que doutro xeito estarán sempre no limbo dos non tan xustos. E mentres os persoeiros que só poden aportar en positivo á nosa sociedade, deixan por dignidade a primeira liña da mediocre política de hoxe en día, os que ocupan –máis que asumen– a súa responsabilidade, malviven nun entorno que lles sobrepasa, por non seren conscientes das súas propias limitacións.
Dicía Forrest Gump na multipremiada cinta de Robert Zemeckis, que para encaixar ben no exército só se precisaba facer ben a cama, e manterse moi erguido diante dos mandos. Iso mesmo pretenden algúns que suceda, con persoeiros como Quintana, que teñen a dignidade de non querer...
Ou non?
Rafael Cuiña. xornal

2.9.10

UN CAMALEÓN DA POLÍTICA

O actual alcalde de Neda ( Ignacio Cabezón ), acaba de protagonizar o que podería chamarse , acto de exaltación do camaleón político, digo isto máis que nada pola súa traxectoria política o longo de moitos anos e a seu troco de cor ( coñecido no pobo cha, como troco de chaqueta ), segundo se lle foran dando as ocasións.
Aparece no seu momento, da man do C.D.S., os resultados para Ignacio, non foron nada doados, esquecendo a súa adicación á política durante varios anos, volvendo a aparecer no cenario político, despois de unha escisión protagonizada polo P.S.O.E no concello de Ferrol, pero desta vez da man do finado Bonifacio Borreiro, tampouco diron para moito, os resultados naquel intre.
Anos mais tarde e da man de Xoán Gato e o recen creado grupo de T.E.G.A., volta á política, acadando o seu soño de ser alcalde de unha vila.
Poucos anos pasaron, para que a transformación política, se fixera ver de novo, no Sr. Cabezón e se puxera, realmente no extremo ( desta vez na liña mais dereitosa do PP ), que xa viña demostrando nos seus feitos, na política municipal, frustrando así a confianza de moitos veciños e veciñas, que lle dirán o seu voto,.
Moitas veces escoitase ( todos os políticos,son iguales), con este acto de transfuguismo político, protagonizado polo Sr. Ignacio Cabezón e impulsado polo Partido Popular ( organización que xa nos ten acostumbrado a este tipo de historias- non hai mais que mirar polo País adiante- ), demostra ás claras, que non; hai quen pode ser integro, nas súas ideas e nas súas actuacións e hai quen por cuestións incluso, alleas á política e posibles intereses persoais e transformándose en camaleón da política, sen rubor e sen importarlle, realmente os intereses dos veciños e veciñas e capaz de facer estas piruetas , tendo ademais o aval e apoio dun partido político, que demostra as claras que é capaz de facer calquera cousa na procura de poder.