UN TERZO DAS EMPRESAS QUE OPTAN AO EOLICO NON TEÑEN MAIS DE UN MES DE VIDA
A historia repítese, en parte. Se houbo partidos políticos e empresas que criticaron a lista de aspirantes ao concurso eólico do bipartito por "falta de experiencia no sector", as firmas que optan esta vez a algún dos 2.325 megavatios (MW) a adxudicar presentan tamén certa heteroxeneidade nos seus obxectos sociais. Entes empresariais, moitos deles, constituídos nos últimos 30 días no Rexistro Mercantil e entre os que se encontran compañías do ladrillo, a asesoría xurídica, o naval ou a iluminación. A Consellería de Economía e Industria desvelou onte, nun comunicado, a lista final dos aspirantes, que optan a 14.667 MW (aínda que, pola mañá, o conselleiro Javier Guerra dixo que se pediran 15.660).
Sobre todos eles destacan as pretensións de Gas Natural, que acode da man da construtora Copasa para pedir 1.272 megavatios, o 52% do total que a Xunta adxudicará nesta convocatoria. A empresa coa que se presenta é Fenosa Wind SL, que cambiou de nome -para introducir Fenosa, asociada tradicionalmente a Galicia- o 21 de xullo pasado. A compañía catalá presentou 26 plans industriais por valor de máis de 2.500 millóns de euros e asegura poder crear con eles máis de 7.300 postos de traballo.
ENTRE XUÑO E XULLO
O 21 de xullo publicouse no boletín do rexistro mercantil (Borme) a constitución da segunda empresa que máis megas pide: Airosa Vento SL. Opta a nada máis e nada menos que a nove das dez zonas nas que a Xunta distribuíu a oferta de MW, cun investimento de máis de 700 millóns de euros. Esta firma depende de Tasga Renovables, do construtor leonés José Luis Suárez.
A sete zonas distintas opta o Banco Pastor, a quen lle saíu ben a xogada de aliarse co xigante enerxético alemán E.ON (como avanzou Xornal de Galicia). Con el deu forza a unha das tres sociedades que José María Arias Mosquera creara en abril: cambioulle o nome a E.ON Pastor Renovables (chamábase Pastor Privada Eólica 1) o 14 de xullo. Pide 585 megavatios e ofrece un investimento total de máis de cen millóns de euros en catorce plans industriais diferentes. A mesma potencia demanda EDP Renewables Europe, de Asturias, que propón un único plan investidor para Galicia por máis diñeiro que a oferta do Pastor: 727 millóns de euros. Iberdrola solicitou máis de 460 megas, e postúlase como "favorita" polo sector. Propón realizar sete plans industriais e investir máis de 750 millóns.
A AUSENCIA DE CAIXA GALICIA
Sorprende, e moito, que Caixa Galicia non se presentase á nova convocatoria eólica, posta en marcha coa chegada do PP a San Caetano tras frear o concurso do bipartito. Caixanova, pola contra, volveu optar aos megavatios coa súa sociedade Eólica Galenova SL. Co anterior decreto resultou a maior beneficiaria, pois se adxudicara 235 MW. Agora pide 426 megas, con oferta de 30 plans de industrialización -lidera este ranking xunto coa proposta de Cupa e Ceferino Nogueira- e un investimento de máis de 1.200 millóns. A presenza de Caixa Galicia, con quen consumará a fusión o 15 de novembro, redúcese a firmas da súa carteira de participadas: a mencionada de Cupa e Nogueira (con Vector Verde SA, creada no mes de xuño) e Torre de Hércules SLU. Con esta última, con presenza de Corporación Caixa Galicia, pide 273 megavatios
OUTRAS EMPRESAS
Enerxías Renovables de Galicia, de Grupo SanJosé -cuxa filial, Udra Medios, é a empresa editora de Xornal de Galicia- solicitou 391,5 megavatios, cunha oferta de oito plans industriais que supoñerían un investimento superior aos 175 millóns de euros.
Manuel Jove acode esta vez en compañía de FCC, con dúas ofertas de Sigenera SL. Con esta sociedade, participada ao 50% pola construtora, pide 306 megavatios e propón investir máis de 160 millóns noutros catorce plans industriais. Repiten experiencia os empresarios do naval con Enervalor Naval (Vulcano, Freire e Estaleiros Barreiras), Ventauria (empresarios de Lugo) e estréase Vieirasa cunha sociedade creada hai menos dun mes.
Na presentación das ofertas, Guerra aseverou que as aspirantes ofrecían un investimento de máis de 11.000 millóns, aínda que non sinalou que esta se produciría de adxudicar o total do solicitado. É dicir, o resultado de que se desen máis de 14.000 MW, cando só se adxudicarán 2.325. Unha vez máis, reivindicou o concurso como "o plan industrial máis importante da historia de Galicia". A Xunta estima que se mobilizarán investimentos por valor de ata 6.000 millóns e crearanse 12.000 postos de traballo. Economía quere recuperar " ou liderado eólico que Galicia nunca debeu perder
4.8.10
Inseguridade Xuridica?
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 4:39 da tarde
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
0 comentarios:
Enviar um comentário