Dende o Bloque Nacionalista Galego en Neda, non acertamos a entender a posición do Goberno Municipal , diante da exposición Pública do Plan de Ordenación do Litoral por parte da Xunta de Galicia, unha posición que parece máis de submisión, que de defensa dos intereses dos veciños e veciñas que foron os que os elexiron.
Un Plan do Litoral que afecta directamente a máis de 140 vivendas e outras mais de 100 indirectamente, incluso as das zonas dos ríos, deixandoas desprotexidas, en cuestións de legalidade e un goberno municipal, que mira cara outro lado, diante desta situación.
Un Plan do Litoral, que deixa no caso de Neda, coas mans amarradas, cara a elaboración do Plan Xeral de Ordenación do Litoral, xa que tal e como establece o propio P.O.L., en caso de dúbida sempre se atenderá a norma máis restrictiva.
Preguntámonos no BNG, si existirán intereses ocultos?, por parte dos gobernantes, ante tal deixadez e sumisión, ou terá que ver coa presentación de Ingancio Cabezón nas listas do PP.?
Dende o BNG, pensamos que o goberno municipal, debería poñer os medios técnicos do concello, para facilitar que todos os veciños/as afectados, poideran facer as alegacións pertinentes e que legalmente establece a lei no seu caso.
25.8.10
O BNG, pide que o goberno municipal poña a disposición dos veciños os equipos técnicos para alegar ó P.O.L.
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 5:13 da tarde 0 comentarios
24.8.10
Non aparecera o Camps en Galiza?
O portavoz parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, sinalou este martes que existen "cousas sospeitosas" ao redor das adxudicacións da Xunta a distintas empresas de Gerardo Crespo, "unha persoa moi vinculada ao PP", polo que suxeriu que estes fondos poden servir para "financiar a campaña do PP na Coruña". "Un non quere pensar mal, pero vaia...", concluíu.
Preguntado en rolda de prensa sobre a adxudicación de cursos de formación por máis dun millón de euros ao empresario Gerardo Crespo, o deputado nacionalista sinalou que se trata dunha persoa "próxima ao PP da Coruña", particularmente, á conselleira de Traballo, Beatriz Mato, e ao líder popular na cidade herculina, Carlos Negreira.
Ademais, observou que Fundelis -que recibiu da Xunta en 2009 a declaración de Fundación de interese laboral- recibiu "cantidades substanciosas" do Goberno galego, do mesmo xeito que Fundefo, da que é socio o ex director xeral de Formación e Colocación con Manuel Fraga José Jaime López Cossío, que recibe "substanciosas axudas" do departamento que dirixe Beatriz Mato.
Dito isto, revelou que o Goberno de Castela e León -liderado polo PP- tamén adxudicou máis de 180.000 euros a Fundefo para actuacións en materia de emprego. "Estamos ante unha rede? Hai algunha directriz para que as administracións do PP financien ás empresas de Crespo? Quero pensar que non, pero o PP ten expertos nesa materia", sentenciou.
ANTECEDENTES
As sospeitas dos nacionalistas acrecéntanse tras detectar "unha drástica redución" dos fondos que se ceden aos concellos, "sobre todo, na comarca da Coruña", para cursos de formación; que, en cambio, "concéntranse" en empresas de Gerardo Crespo.
De igual modo, Aymerich recordou que a chegada do PP a San Caetano en 2009 supuxo a recuperación do financiamento da Feira Internacional de Acuicultura 'Acui', promovida por López Cossío, e á que o bipartito deixara de apoiar.
Ante esta situación, o dirixente do Bloque considera que "o mellor antídoto é a transparencia", polo que espera obter resposta de "unha batería de preguntas" que rexistrou en sede parlamentaria
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 5:46 da tarde 0 comentarios
18.8.10
Nobre silenzo de Suárez Canal
Ben sabe Alfredo Suárez Canal o que é estar no punto de mira mentres arde Galicia. No verán de 2006, recén chegado á Consellería de Medio Rural, o nacionalista sufriu nas propias carnes os desvelos da dura vaga de lumes e soportou tamén os non menos duros ataques dun PP, novato na oposición, que non tivo reparos en sacar tallada.
Agora que os papeis políticos se invertiron, sería moi fácil para Suárez Canal dar onde doe e sacar rédito político dos lumes. Pero o ex conselleiro prefire calar. Ante as chamadas dos xornalistas, négase a dar declaracións en relación aos incendios forestais. Cuestión de ética e de lealdade política.
Non deixa de ser paradoxal que o mesmo PP que realizaba unha intensa labor mediática sobre os lumes cando estaba na oposición –fronte a un Bipartito que informaba a diario dos focos– agora opte por manter ocultos os datos da queima do monte. A oposición actual tamén amosa que non é da mesma pasta
Cris Moss.xornal
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 5:48 da tarde 0 comentarios
4.8.10
Inseguridade Xuridica?
UN TERZO DAS EMPRESAS QUE OPTAN AO EOLICO NON TEÑEN MAIS DE UN MES DE VIDA
A historia repítese, en parte. Se houbo partidos políticos e empresas que criticaron a lista de aspirantes ao concurso eólico do bipartito por "falta de experiencia no sector", as firmas que optan esta vez a algún dos 2.325 megavatios (MW) a adxudicar presentan tamén certa heteroxeneidade nos seus obxectos sociais. Entes empresariais, moitos deles, constituídos nos últimos 30 días no Rexistro Mercantil e entre os que se encontran compañías do ladrillo, a asesoría xurídica, o naval ou a iluminación. A Consellería de Economía e Industria desvelou onte, nun comunicado, a lista final dos aspirantes, que optan a 14.667 MW (aínda que, pola mañá, o conselleiro Javier Guerra dixo que se pediran 15.660).
Sobre todos eles destacan as pretensións de Gas Natural, que acode da man da construtora Copasa para pedir 1.272 megavatios, o 52% do total que a Xunta adxudicará nesta convocatoria. A empresa coa que se presenta é Fenosa Wind SL, que cambiou de nome -para introducir Fenosa, asociada tradicionalmente a Galicia- o 21 de xullo pasado. A compañía catalá presentou 26 plans industriais por valor de máis de 2.500 millóns de euros e asegura poder crear con eles máis de 7.300 postos de traballo.
ENTRE XUÑO E XULLO
O 21 de xullo publicouse no boletín do rexistro mercantil (Borme) a constitución da segunda empresa que máis megas pide: Airosa Vento SL. Opta a nada máis e nada menos que a nove das dez zonas nas que a Xunta distribuíu a oferta de MW, cun investimento de máis de 700 millóns de euros. Esta firma depende de Tasga Renovables, do construtor leonés José Luis Suárez.
A sete zonas distintas opta o Banco Pastor, a quen lle saíu ben a xogada de aliarse co xigante enerxético alemán E.ON (como avanzou Xornal de Galicia). Con el deu forza a unha das tres sociedades que José María Arias Mosquera creara en abril: cambioulle o nome a E.ON Pastor Renovables (chamábase Pastor Privada Eólica 1) o 14 de xullo. Pide 585 megavatios e ofrece un investimento total de máis de cen millóns de euros en catorce plans industriais diferentes. A mesma potencia demanda EDP Renewables Europe, de Asturias, que propón un único plan investidor para Galicia por máis diñeiro que a oferta do Pastor: 727 millóns de euros. Iberdrola solicitou máis de 460 megas, e postúlase como "favorita" polo sector. Propón realizar sete plans industriais e investir máis de 750 millóns.
A AUSENCIA DE CAIXA GALICIA
Sorprende, e moito, que Caixa Galicia non se presentase á nova convocatoria eólica, posta en marcha coa chegada do PP a San Caetano tras frear o concurso do bipartito. Caixanova, pola contra, volveu optar aos megavatios coa súa sociedade Eólica Galenova SL. Co anterior decreto resultou a maior beneficiaria, pois se adxudicara 235 MW. Agora pide 426 megas, con oferta de 30 plans de industrialización -lidera este ranking xunto coa proposta de Cupa e Ceferino Nogueira- e un investimento de máis de 1.200 millóns. A presenza de Caixa Galicia, con quen consumará a fusión o 15 de novembro, redúcese a firmas da súa carteira de participadas: a mencionada de Cupa e Nogueira (con Vector Verde SA, creada no mes de xuño) e Torre de Hércules SLU. Con esta última, con presenza de Corporación Caixa Galicia, pide 273 megavatios
OUTRAS EMPRESAS
Enerxías Renovables de Galicia, de Grupo SanJosé -cuxa filial, Udra Medios, é a empresa editora de Xornal de Galicia- solicitou 391,5 megavatios, cunha oferta de oito plans industriais que supoñerían un investimento superior aos 175 millóns de euros.
Manuel Jove acode esta vez en compañía de FCC, con dúas ofertas de Sigenera SL. Con esta sociedade, participada ao 50% pola construtora, pide 306 megavatios e propón investir máis de 160 millóns noutros catorce plans industriais. Repiten experiencia os empresarios do naval con Enervalor Naval (Vulcano, Freire e Estaleiros Barreiras), Ventauria (empresarios de Lugo) e estréase Vieirasa cunha sociedade creada hai menos dun mes.
Na presentación das ofertas, Guerra aseverou que as aspirantes ofrecían un investimento de máis de 11.000 millóns, aínda que non sinalou que esta se produciría de adxudicar o total do solicitado. É dicir, o resultado de que se desen máis de 14.000 MW, cando só se adxudicarán 2.325. Unha vez máis, reivindicou o concurso como "o plan industrial máis importante da historia de Galicia". A Xunta estima que se mobilizarán investimentos por valor de ata 6.000 millóns e crearanse 12.000 postos de traballo. Economía quere recuperar " ou liderado eólico que Galicia nunca debeu perder
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 4:39 da tarde 0 comentarios
3.8.10
Carta aberta a Feijóo
Señor Presidente: En anterior carta xa lle dicía que non había ser aquela a única que lle tería que escribir, así que aquí andamos outra vez e non porque eu o desexe, senón que acabo de ler as súas declaracións verbo do feito de que a RAG presentase un recurso en contra do chamado Decreto de Plurilingüismo.
Abráiase de que se teña producido tal recurso e recrimina o feito. Señor Feijóo, non cre vostede que calquera galego, se considera que nese decreto hai elementos de ilegalidade, o que debe facer é poñer os medios para que se impida a súa posta en funcionamento? Eu confiaba en que vostede actuara así sempre que osme que algo vai en contra das leis, pero polo visto non hai tal, e cre que se deben pasar por alto certas falcatruadas. Por que? Porque as fai vostede e non outro? Di vostede que a RAG non recorreu os decretos de Fraga, pois se neles advertiu algunha materia de ilegalidade e non actuou, mal feito.
Ademais, por que lle parece mal que os tribunais digan se o que decretou é conforme á lei ou non? Non quererá dicir que sabe que o Decreto ten cousas que non son totalmente acaíadas ao dereito? Se é así iso chámase prevaricación, ben o sabe. E se non é así pois estea tranquilo que non haberá lixo.
Tamén deduzo que non lle gusta o presidente da RAG (como tal presidente quero dicir, que lle supoño respecto para as persoas), pero aí teño que lle lembrar que foi democraticamente elixido polos académicos, que son os que teñen que facer tal cousa. Elixírono a maioría deles (como a vostede o elixiron case a maioría dos galegos), e agora o señor Méndez Ferrín é o presidente da Academia con plena lexitimidade e legalidade.
Tan é así que até aqueles que escribían artigos denigratorios para el como candidato a presidente, agora, en raposeira manobra, prémiano e gábano. O cinismo non lle ten cancelas!
Afirma que os seus compromisos electorais están por enriba das institucións. Teña coidado coa soberbia, que pode botalo a perder a vostede. As institucións públicas, señor Feijóo, pódense mudar e, mesmo, suprimir sempre que se faga por medios democráticos, pero están por enriba de calquera de nós mentres existan, do contrario isto sería a casa de tócame Roque.
Pero, no tocante á Academia, a súa soberbia é un pinchacarneiro inútil: vostede pasará, ninguén o lembrará e a RAG seguirá aí, farturenta ou en precario, mais prevalecerá. Xa sobreviviu a outros máis bravos ca vostede.
Eu ben sei que di estas cousas porque despreza a todos cantos non o votamos. Nunca quixo ser presidente dos galegos, só quería e quere dar satisfacción aos que o votaron. E nin sequera a todos, porque tamén despreza a cantos non comparten ese compromiso que adquiriu, vostede saberá con quen, de baleirar Galicia de calquera signo de identidade diferenciada que puidese haber.
A súa disposición a converter Galicia nunha “región de España” coma outra calquera (e digo isto sen menosprezo ningún para as comunidades autónomas que veñen definidas como tales rexións) e a iso é ao que lle mete máis dedicación de todo canto fai.
A lingua é o máis claro e querido signo de identidade diferenciada de Galicia, ben que o sabe, e a Academia ten que protexelo de calquera acción que poña en perigo a súa supervivencia e neste caso o perigo vén de vostede e do seu goberno. Non presentar o recurso sería unha grave irresponsabilidade por parte da RAG.
XORNAL (Xabier P. DoCampo)
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 5:20 da tarde 0 comentarios