A deputada do BNG Ana Luisa Bouza preguntou onte no Parlamento á titular de Sanidade, Pilar Farjas, polo incremento dun 13% no gasto farmacéutico no mes de marzo. A nacionalista cifrou nun 7% a subida do acumulado interanual, o que supón unha inversión de 62 millóns de euros. “En maio de 2009 consideraron insuficiente o aumento na prescrición de xenéricos do bipartito, que pasou do 7,32% ao 10,64% e marcaron como obxectivo o 21,8%”, dixo Bouza, que engadiu que “Galicia encabeza o crecemento no gasto farmacéutico” e “ocupa o último lugar en prescrición de xenéricos”.
A deputada tamén acusou ao Goberno galego de incumprir a previsión orzamentaria, argumentando que a Consellería asegura que o último recorte, de 54 millóns, que sufrirá o seu departamento se compensará co aforro en medicamentos, algo “incompatible” coa actual evolución do gasto farmacéutico. Pola súa banda, a conselleira sinalou que “ante unha crise sen precedentes”, se fai necesaria “unha xestión responsable” e apelou a intención do Executivo estatal de recortar o gasto farmacéutico en 1.500 millóns de euros. A continuación, resumiu os programas da Xunta para fomentar os fármacos sen marca, comezando cun plan de xenéricos, unha campaña de promoción dos mesmos, a creación dun Observatorio para o bo uso do medicamento e unha Comisión de Farmacia e Terapéutica. Tamén recordou que “dos datos illados dun mes non se poden sacar conclusións” e que “en todas as comunidades nas que se implanta a receita electrónica se produce un aumento do gasto no seu arranque”. “En Galicia pasamos dun 51% a un 61% entre febreiro e marzo”, dixo e cifrou nun punto porcentual, fronte ao 0,5% do bipartito o crecemento no uso de xenéricos.
Esta explicación non convenceu a Bouza, que lle recriminou que repetise a presentación de 2009, cando “xa temos os datos de 2010” e o “seu plan tivo un efecto nulo”.
22.7.10
O BNG reprocha a Farjas que o gasto farmacéutico crecese un 7% nun ano
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 10:19 da manhã
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
0 comentarios:
Enviar um comentário