31.7.10

Austeridade e responsabilidade

Falabamos a semana pasada acerca da particular idea que Núñez Feijóo e o seu goberno teñen da ética a conto do seu famoso “compromiso ético coa austeridade”. Como era de agardar, o goberno español rexeitou a súa pretensión de adiar a devolución dos anticipos recebidos pola Xunta a conta da liquidación dos exercicios de 2008 e 2009 e, sen demora, o presidente galego acusou a Zapatero de estar a executar un “recorte social encuberto”. Falso. Os recortes sociais de Zapatero, ditados polo FMI e partillados polo PP non son encubertos: aplícanse abertamente sexa no ámbito laboral, no das pensións ou na suba dos impostos indirectos. E falso tamén, noutro sentido, porque como xa sabemos Núñez Feijoo non agardou por ninguén, e menos que por ninguén polo goberno español: de facto é un adiantado na eliminación e privatización de servizos e prestacións, sempre á procura de excusas coas que xustificar o enésimo recorte.

E esta política de austeridade, que non impide gastar catro millóns de euros nunha visita papal de catro horas, non recoñece barreiras. No seu nome péchanse os hospitais no verán, dánselle bocadillos aos alumnos nos comedores escolares e, desde o pasado mércores, ábrense ao marisqueo zonas nas que se segue a verter a cachón e sen control ningún augas fecais e residuos de todo tipo. No peculiar sistema de valores do PP de Feijóo pesa máis a austeridade –aforrar as compensacións aos mariscadores afectados – que a seguranza, alimentar, e a protección do medio ambiente. Así acontece, por exemplo, na moi contaminada Ría do Burgo, na que a Consellería de Pesca vén de abrir ao marisqueo, clasificada como zona B “estábel”, a zona comprendida entre a ponte da Pasaxe e a barra de Santa Cristina mesmo a pesar da evidencia, comprobábel a simple vista, de que a zona segue sen sanear. Se para isto hai que forzar a normativa comunitaria tomando as mostras á altura da rampla das Xubias, fóra da zona afectada, tanto ten. Se na operación se pon en cuestión o prestixio internacional dunha institución como o Intecmar, tanto ten. Tampouco interesa se se pón en risco a imaxe de marca do marisco de Galiza ou a saúde dos consumidores. O único que importa é aforrar o escaso millón de euros que, anualmente, viñan percibindo os afectados.

O pasado xoves o patrón maior da Confraría da Coruña convidou a unha mariscada a conselleira de Pesca. “Apañamos unas ameixas da ría do Burgo, depurámolas e comémolas. Aínda que seguramente eu comerei outra cousa”. Onte, venres, e sen contestar a tan amábel convite, a conselleira arremeteu contra o BNG acusando de irresponsábeis aos que denunciamos o lamentábel estado da zona que se vén de abrir ao marisqueo. Contodo, quen son os irresponsábeis?, os que denunciamos que a ría do Burgo segue sen sanear ou os que, sen eliminar nin un só dos moitos puntos de vertido que a contaminan e en nome dunha mal entendida austeridade declaran que as súas augas son aptas para o marisqueo? Alá cadaquén coa súa responsabilidade.

25.7.10

Da patria e da bandeira

O patriotismo non había ser cousa de modas. O patriotismo agroma natural nas colectividades que sinten partillar un proxecto de futuro. O que non prexudica sermos universalistas e solidarios. Pensar globalmente. Sermos cosmopolitas (nada a ver co cosmopailanismo que algún profesan). O patriotismo é complementario do europeísmo e compatíbel totalmente con partillar historia, futuro, obxectivos e afectos co resto dos pobos e nacións do Estado español. Vivirmos a patria é o noso xeito de actuar localmente, como seres humanos universais.

Somos un país moi autorestrinxido na expresión dos nosos sentimentos nacionais. Son, sen dúbida, longas eras de autonegación e desprezo polo propio. Mais agora somos un país moderno, europeo, cun alto grao de incorporación ao ensino, cun proceso de urbanización moi consolidado. Non hai, xa, desculpas. O normal é que expresemos a nosa galeguidade, se é que estamos satisfeitos dela ou sentimos orgullo de pertencermos a este país.

E, nos países máis desenvolvidos da Europa e do mundo, as primeiras expresións da nacionalidade son a bandeira e o himno nacional. Nos USA o uso da bandeira nacional é continuo (e tamén na California e en Texas o uso de cadansúa propia), o mesmo ca en Francia. En Múnic ves bandeiras da Bavaria en todas as súas rúas céntricas. E en Edinburgh ou St. Andrews a bandeira escocesa é omnipresente.

A nosa bandeira é coñecida e non xera resentimento ningún. E, porén, usase pouco. Restrínxese ao mundo político, cultural e sindical do nacionalismo, ao seu frío uso institucional e ao seu uso máis cívico nalgunhas bisbarras do Norte (a branca e azul é moito máis normal a pé de rúa en Ferrolterra ou Ortegal ca no resto do País). De quén ou qué nos agochamos? De qué temos medo?

Velaí que iniciativas coma a de Santiago Domínguez, vice-alcalde de Vigo, ao lle distribuir aos cidadáns e entidades cívicas 5.000 bandeiras na cidade máis poboada da nosa Galicia no Día da Patria, sexan dignas a se ter en conta polo resto dos alcaldes e alcaldesas. Os nosos paseos, peiraos, os mastros nos terreos onde se asentan as vivendas unifamiliares… son todos espazos aptos para exteriorizar o noso orgullo e a nosa galeguidade amosando a nosa bandeira.

E, coa azul e branca na casa, no escritorio ou cara ao fútbol, seremos iguais ou mellores persoas, iguais ou mellores profesionais, iguais ou mellores homes e mulleres fillos do noso tempo e cidadáns do mundo.

Probábelmente mellores. Porque só coñecendo e valorando o que é de noso somos –seremos– quen de lle achegar ao mundo, á ciencia, técnica e cultura universal un contributo digno, unha achega verdadeiramente cualitativa.
xornal.com

22.7.10

O BNG reprocha a Farjas que o gasto farmacéutico crecese un 7% nun ano


A deputada do BNG Ana Luisa Bouza preguntou onte no Parlamento á titular de Sanidade, Pilar Farjas, polo incremento dun 13% no gasto farmacéutico no mes de marzo. A nacionalista cifrou nun 7% a subida do acumulado interanual, o que supón unha inversión de 62 millóns de euros. “En maio de 2009 consideraron insuficiente o aumento na prescrición de xenéricos do bipartito, que pasou do 7,32% ao 10,64% e marcaron como obxectivo o 21,8%”, dixo Bouza, que engadiu que “Galicia encabeza o crecemento no gasto farmacéutico” e “ocupa o último lugar en prescrición de xenéricos”.

A deputada tamén acusou ao Goberno galego de incumprir a previsión orzamentaria, argumentando que a Consellería asegura que o último recorte, de 54 millóns, que sufrirá o seu departamento se compensará co aforro en medicamentos, algo “incompatible” coa actual evolución do gasto farmacéutico. Pola súa banda, a conselleira sinalou que “ante unha crise sen precedentes”, se fai necesaria “unha xestión responsable” e apelou a intención do Executivo estatal de recortar o gasto farmacéutico en 1.500 millóns de euros. A continuación, resumiu os programas da Xunta para fomentar os fármacos sen marca, comezando cun plan de xenéricos, unha campaña de promoción dos mesmos, a creación dun Observatorio para o bo uso do medicamento e unha Comisión de Farmacia e Terapéutica. Tamén recordou que “dos datos illados dun mes non se poden sacar conclusións” e que “en todas as comunidades nas que se implanta a receita electrónica se produce un aumento do gasto no seu arranque”. “En Galicia pasamos dun 51% a un 61% entre febreiro e marzo”, dixo e cifrou nun punto porcentual, fronte ao 0,5% do bipartito o crecemento no uso de xenéricos.

Esta explicación non convenceu a Bouza, que lle recriminou que repetise a presentación de 2009, cando “xa temos os datos de 2010” e o “seu plan tivo un efecto nulo”.

17.7.10

O BNG de Neda baralla acudir á Fiscalía ou ao Valedor para que se lle entreguen as contas do Concello

O BNG, estudia recurrir á Fiscalía ou ao Valedor o non facilitar os informes de gastos, tal e como este grupo solicitaba

No mes de xuño , o Bloque Nacionalista Galego, solicitou por rexistro no concello de Neda, un informe por escrito das partidas económicas destinadas a gastos protocolarios, viaxes e de carácter festivo.
Os socios de goberno en Neda, veñen de contestar ao escrito do BNG, que “ as contas do concello son transparentes e aparecen en Actas de Xunta de Goberno”, si ben é certa esta afirmación, o BNG quere facer unha puntualización, que é polo que se solicitaron estas contas ( nas distintas acta de Xunta de Goberno ) aparece o reparo do Técnico do Concello, o cal quere dicir, que no seu aspecto procedemental e na súa tramitación adoecen de eivas e defectos, que non aparecen reflectidos nas Actas de Xunta de Goberno e non se xustifican legalmente en ningunha Comisión de Facenda ( xa que estas practicamente non existen ). O Bloque Nacionalista Galego, diante deste certificado de acordo, está a analisar si recorre diante de organismos superiores, tales como o Valedor ou a Fiscalía, co fin de que se nos faciliten as contas solicitadas e os xustificantes, dos informes negativos dos técnicos municipais.

15.7.10

ASTANO VERSUS AS PONTES E CERCEDA

Na comarca de Ferrolterra –aínda que por desgraza non é este o único caso en Galiza– temos moita experiencia de como se xustificou o desmantelamento dun dos nosos sectores produtivos. Un expediente aberto por unhas axudas públicos do Estado ao conxunto do Sector Naval do Estado, consideradas ilegais pola Comisión da Competencia da UE, rematou, logo dunha negociación política, nun veto á construción naval civil no estaleiro de Fene.
Após dun proceso de mobilización social, coa recollida de sinaturas para impulsar unha ILP, diversos actos públicos, manifestación, peche no Concello de Fene, etc., dinos o Ministro de Industria que é mellor deixar as cousas como están, non molestar a Europa coa teima da reapertura do proceso de Astano e, agora, xa fica claro que o Presidente Zapatero mentiu no Congreso cando se comprometeu, a preguntas do BNG, a solicitar formalmente baixo a súa presidencia a revisión do acordo sobre o Naval.
Porén, non ten eses reparos nin esa pasividade o Goberno do Estado cando se trata doutros sectores. Estes días vén de solicitar diante da UE, da mesma Comisión da Competencia que dirixe o sr. Almunia, que se lle permita aportar axudas públicas para o consumo do carbón autóctono; aínda que neste asunto existan informes contrarios das denominadas Comisión Nacional da Enerxía, da Comisión Nacional da Competencia e do propio Consello de Estado.
Para solicitar a aprobación a estas axudas, tamén estatais, houbo tempo e interese en estudar a fondo a lexislación europea e atopar resquicios onde argumentar; un tempo e un traballo que non se adicou a Astano.
De aprobarse estas axudas, como se prevé, significará que dez centrais térmicas de carbón do Estado –ningunha en Galiza– que actualmente non producen polo seu alto prezo, van ter asignada obrigatoriamente unha parte da produción eléctrica, con prioridade sobre outras instalacións.
Isto vai supor unha reducción, case que total, da actividade de xeración eléctrica en Cerceda, As Pontes e Sabón, nun período inicial de tres anos. Con repercusión negativa en todo o tecido produtivo: Descarga en Portos, transporte, mantemento, aprovisionamentos, etc.
Curiosamente dáse esta situación logo de esgotar a nosa materia prima, os lignitos pardos, exportar durante decenios a enerxía xerada, con igual prezo onde se producía a onde se consumía. Lembrar por exemplo que a Comunidade de Madrid, entre outras, practicamente non xera un só quilowatio; e cando agora os grupos térmicos poden consumir un carbón importado que reduce moi considerabelmente as emisións, tanto de xofre como de dióxido de carbono, e xera un quilowatio máis barato que o producido con carbón doutras Comunidades Autónomas.
Cantas xustificacións houbo para paralizar Astano, mesmo con colaboradores activos no propio País, e cantas xestións reais fanse agora para apoiar a outro sector –o carbón español–, sen que se coñezan neste proceso ningunha medida para compensar a estas dúas Comarcas galegas.
O Goberno é Central, mais non goberna igual para todas e todos. E, a súa filial en Galiza, como xa fixeron non seu día, hoxe queixase deste novo golpe económico e maña pasarán a edulcoralo e xustificalo, como fan agora co naval.
E namentres, o Goberno da Xunta, como xa é a súa norma, calou cando se aprobaba en febreiro o Real Decreto 134/2010, pois estaba máis interesado en desmontar os avances conseguidos polo anterior goberno e agora, para eles, a culpa é só do Goberno Central, pois como todo o mundo xa coñece, o Goberno da Xunta non está para gobernar. Estamos, claramente, perante un goberno demoledor.....

4.7.10

Un axuste brutal para Galiza