21.2.10

O Circo do Capitalismo

Aínda coa adrenalina liberada no descenso polo tobogán de xaneiro, perante a situación de alerta polo perigo detectado no descenso de ingresos nas contas públicas estatais, e que xa tivo a sua primeira consecuencia co anuncio dun forte recorte no gasto público, e o presumible saqueo do sistema de pensións.

Nós mentres, aquí no noso país, na Galiza que algúns comezaron a desdebuxar tentando agochar o propio, entramos de cheo no entroido, nas máscaras dos vergalleiros, dos boteiros, dos felos, das tradicións acumuladas durante séculos. Máscaras para meter medo, para baterlle aos veciños, máscaras nun país no que hai que comezar a desenmascarar ao propio goberno. Pero, cal é a máscara deste goberno do P&P? Pois non é outra que a do cinismo e a irresponsabilidade, porque mentres concentran as súas forzas na batalla por derrubar a nosa dignidade colectiva, tentando ferir de morte a propia lingua, ou facendo escaramuzas coa cuestión das caixas galegas, unha pantasma percorre Galiza, un verdadeiro terremoto o da crise económica que fai tremer os cidadáns galegos. De iso non se ocupan, para que?, atallar a crise non forma parte das suas prioridades de goberno.

Mentres tanto, si asistimos día tras día a sucesivas sesións do circo do capitalismo: ao peche de numerosas empresas galegas e ao drama de comprobar como cada día homes e mulleres ingresan nesas longas listas do paro, coa inquedanza de non saber se este sistema lles permitirá algún día atopar de novo un posto de traballo. Pero malia esta traxedia social cotiá, a ousadía do mundo financeiro chega a raiar o amoral, anunciando aos catro ventos os grandes beneficios obtidos, e incluso algunha entidade ten a desvergoña de comunicar nos medios que de cada cinco créditos ICO solicitados, só concedeu un.

Barbaridades financeiras, estímulos públicos a un sistema en estado de shock, que incrementan o endebedamento dos mercados financeiros e a longa marcha cara taxas de desemprego crónicas no noso país. Todas elas non son cuestións que pareceran interesarlle a este goberno, un goberno cuxa inación podería resumirse no título daquela obra de Charles Bukowski: O capitán saíu xantar e os mariñeiros apropiáronse do barco.

Un presidente que non aporta ningunha solución, ningunha alternativa que non sexa continuar coa folla de ruta dun sistema neoliberal mercantilista que lle vai trazando o poder económico. Pero, aínda diría máis, incluso están a acelerar o proceso de privatizar o sector público cunha certa ansiedade, co fin de esnaquizalo, porque neste circo os mercados do capital teñen ademais o descaro de penalizar cando un Estado abanea e vanlle poñendo a ese risco de suspensión de pagos cualificacións, os temidos vereditos das axencias de rating –suprimindo “A”, ou mudando “+S” por “–S” na etiqueta de risco, ou incrementando o prezo dos chamados CDS (Credit Default Swaps). E mentres, aquí na Galiza estamos orfos de goberno xa que o que temos carece de altura política nun momento en que se precisan propostas feitas dende a responsabilidade e a valentía para mudar cara unha sociedade máis xusta, un goberno ausente no medio dunha crise económica que retratou con total crudeza o carácter asocial e insolidario de toda esta maquinaria neoliberal. Agóchase pola contra tras unha máscara que coma as do entroido mete medo, e vaille batendo a sociedade. Remataremos sendo como dicía Michael Moore o cineasta norteamericano, cando denunciaba o mimetismo de Europa coa peor cara dos Estados Unidos:

“Deixade de ser coma nós, a vosa sociedade vai sufrir se privatizades a sanidade ou retirades o diñeiro público da educación, porque entón seredes como a América das miñas películas”.
Artigo de Tarexa Táboas en Xornal

0 comentarios: