Martiño Rivas, Belén Regueira, Antón Reixa, Susana Seivane, Luís Tosar e María Castro están orgullos@s do galego ao 100%. Campaña "Orgullos@s do noso, orgullos@s do galego" da Coordinadora Galega de ENDL. Comparte e difunde.
22.2.10
21.2.10
O Circo do Capitalismo
Aínda coa adrenalina liberada no descenso polo tobogán de xaneiro, perante a situación de alerta polo perigo detectado no descenso de ingresos nas contas públicas estatais, e que xa tivo a sua primeira consecuencia co anuncio dun forte recorte no gasto público, e o presumible saqueo do sistema de pensións.
Nós mentres, aquí no noso país, na Galiza que algúns comezaron a desdebuxar tentando agochar o propio, entramos de cheo no entroido, nas máscaras dos vergalleiros, dos boteiros, dos felos, das tradicións acumuladas durante séculos. Máscaras para meter medo, para baterlle aos veciños, máscaras nun país no que hai que comezar a desenmascarar ao propio goberno. Pero, cal é a máscara deste goberno do P&P? Pois non é outra que a do cinismo e a irresponsabilidade, porque mentres concentran as súas forzas na batalla por derrubar a nosa dignidade colectiva, tentando ferir de morte a propia lingua, ou facendo escaramuzas coa cuestión das caixas galegas, unha pantasma percorre Galiza, un verdadeiro terremoto o da crise económica que fai tremer os cidadáns galegos. De iso non se ocupan, para que?, atallar a crise non forma parte das suas prioridades de goberno.
Mentres tanto, si asistimos día tras día a sucesivas sesións do circo do capitalismo: ao peche de numerosas empresas galegas e ao drama de comprobar como cada día homes e mulleres ingresan nesas longas listas do paro, coa inquedanza de non saber se este sistema lles permitirá algún día atopar de novo un posto de traballo. Pero malia esta traxedia social cotiá, a ousadía do mundo financeiro chega a raiar o amoral, anunciando aos catro ventos os grandes beneficios obtidos, e incluso algunha entidade ten a desvergoña de comunicar nos medios que de cada cinco créditos ICO solicitados, só concedeu un.
Barbaridades financeiras, estímulos públicos a un sistema en estado de shock, que incrementan o endebedamento dos mercados financeiros e a longa marcha cara taxas de desemprego crónicas no noso país. Todas elas non son cuestións que pareceran interesarlle a este goberno, un goberno cuxa inación podería resumirse no título daquela obra de Charles Bukowski: O capitán saíu xantar e os mariñeiros apropiáronse do barco.
Un presidente que non aporta ningunha solución, ningunha alternativa que non sexa continuar coa folla de ruta dun sistema neoliberal mercantilista que lle vai trazando o poder económico. Pero, aínda diría máis, incluso están a acelerar o proceso de privatizar o sector público cunha certa ansiedade, co fin de esnaquizalo, porque neste circo os mercados do capital teñen ademais o descaro de penalizar cando un Estado abanea e vanlle poñendo a ese risco de suspensión de pagos cualificacións, os temidos vereditos das axencias de rating –suprimindo “A”, ou mudando “+S” por “–S” na etiqueta de risco, ou incrementando o prezo dos chamados CDS (Credit Default Swaps). E mentres, aquí na Galiza estamos orfos de goberno xa que o que temos carece de altura política nun momento en que se precisan propostas feitas dende a responsabilidade e a valentía para mudar cara unha sociedade máis xusta, un goberno ausente no medio dunha crise económica que retratou con total crudeza o carácter asocial e insolidario de toda esta maquinaria neoliberal. Agóchase pola contra tras unha máscara que coma as do entroido mete medo, e vaille batendo a sociedade. Remataremos sendo como dicía Michael Moore o cineasta norteamericano, cando denunciaba o mimetismo de Europa coa peor cara dos Estados Unidos:
“Deixade de ser coma nós, a vosa sociedade vai sufrir se privatizades a sanidade ou retirades o diñeiro público da educación, porque entón seredes como a América das miñas películas”.
Artigo de Tarexa Táboas en Xornal
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 12:48 da tarde 0 comentarios
8.2.10
Entrevista a Coordinadora Nacional do BNG Tareixa Táboas
TERESA TÁBOAS coordinadora da executiva nacional do bng e deputada autonómica
«O risco de escisión é un debate interesado para debilitar ao BNG»
A deputada nacionalista cre que a organización superou a situación de bicefalia da última asemblea e pide unidade para impulsar un proxecto ilusionante para o país
6/2/2010
Cando o BNG se fundaba como organización en Riazor, no ano 1982, ela estudaba cuarto de Arquitectura en México e debuxaba casiñas con tinta chinesa. Vinte e cinco anos despois, Teresa Táboas (Cidade de México, 1961) acabou debuxando a Lei de Vivenda e as Normas do Hábitat co Goberno bipartito galego do que formou parte. Arquitectura e política. Do Beariz do seu pai á cidade máis poboada do planeta. Esa dobre pertenza define á número dous do Bloque, que creceu educada en castelán, pero oíndo aos seus pais falar galego entre eles.
-¿Que fai vostede no BNG?
-E onde ía estar. Son nacionalista e galega.
-E moi atípica, viaxada, cunha posición acomodada...
-Pero o verdadeiro nacionalista é profundamente universal, o coñecemento doutras identidade reforza a propia.
-¿Como chegou ao Bloque?
-Os primeiros contactos foron cando colaborei no estudio de César Portela. Por alí pasaba Beiras con frecuencia, intercambiaban ideas, tiñan alí os seus debates cos que eu aprendía.
-¿Foi a admiración a Beiras?
-Si, claramente, o Colexio de Arquitectos de Galicia empezaba a súa andaina e había semente nova. A nosa arquitectura estaba moi vencellada a un pensamento social e político, que entendía este país, que quería buscar unha sociedade máis xusta a través do urbanismo e da composición dos espazos públicos e privativos.
-¿En que situación está agora mesmo o Bloque?
-É unha organización que sempre está en ebulición, e aí reside a súa riqueza. Sempre hai debate e propostas, nas asembleas, nos consellos...
-¿Cre que está disipado o risco dunha escisión?
-Debater e discrepar non é sinónimo de escisión, non se poden confundir as voces críticas coa ruptura, non podemos caer nese xogo, porque o risco de escisión é un debate interesado para debilitar ao BNG.
-¿Superouse o enfrontamento da última asemblea entre a UPG e os quintanistas?
-Sempre é posible o entendemento, pero para iso os actores deben deixar a un lado as cuestións persoais e as de grupo. Temos que estar xuntos como unha piña, porque o BNG ten que ser un proxecto político ilusionante para este país.
-Pero a imaxe foi de bicefalia, con Vázquez e Aymerich.
-Non existe bicefalia ningunha, temos un portavoz nacional da organización que é Guillerme Vázquez. E punto. E logo o BNG ten que ter voceiros nas Cámaras onde estea.
-¿Visualiza a Guillerme Vázquez de candidato á Xunta?
-Tradicionalmente, o portavoz nacional foi o candidato. Pero esa decisión terá que tomala a militancia cando toque, e non toca agora.
-¿Cre que Aymerich podería entón ter algunha opción?
-Carlos Aymerich é o portavoz parlamentario. Ese é o papel que ten agora mesmo, e ningún outro.
«Puido haber erros en certas decisións do bipartito, pero nós non fomos á Xunta a crear redes clientelares»
Respecto a posibles equivocacións no seu paso pola Xunta, di que «non é tanto a percepción de ter fallado, como algúns sensabores que quedaron».
-¿Por exemplo?
-Quizais o principal fora a oposición virulenta que fixeron algúns construtores contra as Normas do Hábitat ou plan sectorial de vivenda co que buscabamos a utopía de facer espazos urbanos amplos, máis agradables para vivir.
-Son tempos para o pragmatismo máis que para a utopía.
-Pois é importante a utopía na política, e na vida. Galeano dicía que a utopía servía para camiñar, para dar pasos e acadar horizontes. A nós valeunos para chegar ás Normas do Hábitat e acabar coa trapallada de 1992.
-¿Teme que se poda derrogar ou revisar todo iso?
-Non. Poderán modificar ou matizar o que queiran en favor da especulación, pero vai quedar constancia de que foi posible facer outro urbanismo.
-¿Non cre que dende algunhas parcelas do Goberno o BNG actuou con certa soberbia?
-Non, traballouse coa ilusión de facer cambios rápidos e quizais algunhas cousas non se explicaron ben.
-Bailes cos maiores, carretaxes a mítines. O propio Touriño dixo que o Bloque tentou crear unha rede clientelar.
-Puido haber algún erro en certas decisións, pero os nacionalistas non fomos á Xunta a crear redes clientelares. Non se pode confundir o que puido ser algunha actitude persoal reprobable coa colectiva.
-¿Vostede tampouco leu o informe sobre as caixas do instituto que dirixe Quintana?
-Non tiven esa curiosidade.
-Pois desaconsella a fusión que reclama o Bloque.
-Xa, pero o IGEA non é o Bloque, aínda que estea presidido polo anterior portavoz nacional.
-¿Como se garante a galeguidade das caixas?
-Como deputada, e como cidadá, son abertamente partidaria da fusión para ter unha caixa galega e forte, porque non podemos consentir que o noso crédito se decida en Madrid. Agora ben, agardamos que ninguén, especialmente o presidente da Xunta, estea xogando con cartas agochadas.
-¿Beiras ou Paco Rodríguez?
-Representan visións distintas, pero comparten a lealdade ao BNG e o amor ao país.
-¿Mellor nacionalismo ou galeguismo?
-Nacionalismo, sen dúbida.
-¿Galicia ou México?
-Iso é como preguntarlle a un neno se papá ou mamá. Os dous. Un é o meu país, outra a terra de oportunidades.
-¿BNG ou Máis BNG?
-Sempre BNG.
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 4:36 da tarde 0 comentarios
1.2.10
Vilariño de Conso (PP) vota en contra do decreto
Este concello ourensán, cuxo alcalde é do Partido Popular, aprobou por unanimidade a moción impulsada polo BNG na que se demanda a retirada do decreto. Tamén insta a Xunta a que cumpra as súas obrigas estatutarias de normalización da lingua propia de Galiza e se lle pide taxativamente ao Goberno galego que retorne ao consenso político e social que ficou consagrado tanto na Lei de Normalización Lingüística como no decreto 124/2007, produto este último do Plano de Normalización Lingüística.
Esta iniciativa do BNG vaise debater no conxunto dos concellos galegos e nela afírmase que “é unha agresión á dignidade da nosa cultura que haxa un goberno da Xunta de Galiza que maltrate e desprece a lingua propia do noso país”.
Publicado por Bloque Nacionalista Galego ás 3:57 da tarde 0 comentarios