5.12.07

'Máis Galiza: o que quere a maioría'


A histórica cabeceira A Nosa Terra cumpre cen anos, e con esta celebración comeza unha nova etapa na que o semanario galeguista sufriu unha importante modernización e contará tamén cun diario dixital. Reproducimos, polo seu interese, o artigo do portavoz nacional do BNG no suplemento especial publicado por este xornal:O BNG é a expresión política dun pobo en marcha. Un pobo que se manifesta de maneiras moi distintas e que, contra o que din os tópicos mesetarios, si sabe cara a onde quere ir. Ese pobo maniféstase através dunha sociedade cada día máis vertebrada, co espírito de Nunca Máis como motor cívico; maniféstase no mundo do traballo e da empresa –na cidade, pero tamén no campo-, cun vigor que nos está facendo medrar por enriba da economía española-; maniféstase cun goberno que, cunha presenza determinante do nacionalismo, acomete con decisión as mudanzas estruturais, de raíz, que o país demandaba; maniféstase através de iniciativas mediáticas ousadas como a que a cabeceira histórica do nacionalismo, A Nosa Terra, vén de pór en marcha. Ousadas e autocentradas. Iniciativas que revelan que o país novo polo que apostou o Bloque Nacionalista Galego na campaña das galegas 05 está cada día máis perto de se materializar.
O BNG existe unica e exclusivamente para servir á sociedade galega. Esta é, ademais, a mellor forma de achegar o noso contributo á unha marcha máis racional da Humanidade. Aquí, na nosa casa, o mundo chámase Galiza, célula de universalidade tal e como a concebía o Partido Galeguista de Castelao e Bóveda. Non é posíbel ser internacionalista sen antes amar a propia nación. Non é posíbel defender un mundo máis xusto, máis equilibrado, se un non defende primeiro a igualdade de todas as patrias, a comezar pola nosa. Ser nacionalista é abrazar todas as causas positivas que o xénero humano enfrenta no comezo deste século e facelo non desde o vacuo cosmopolitismo abstracto, senón ao servizo dunha terra e dunhas persoas concretas. Ao servizo de Galiza e dos galegos e galegas.Galiza si sabe cara a onde quere ir. Felizmente, non construímos sobre o nada. Temos un potencial cívico enorme que traballa a favor da construción da nación. Teño dito estes días atrás que a sociedade galega se autodeterminou cando defendeu o país da incompetencia dun Estado que demitiu das súas responsabilidades durante a crise do Prestige. Autodeterminarse é tomar conciencia do que un é e do seu lugar no mundo. E cando un se autodetermina, xa nada volve a ser o mesmo. Un país que comeza a emanciparse é un país que non ten maís límites que o da libre vontade dos seus cidadáns e das súas cidadás. Ese país vólvese felizmente exixente cos poderes públicos e ese país é o que nos está a pedir a nós, os nacionalistas galegos, que sexamos cada vez máis ambiciosos no proceso de transformación co que estamos firmemente comprometidos. A ambición nacional é o que caracteriza ao BNG desde a súa fundación e non podemos menos que orgullarnos ante o feito de que esa ambición nacional sexa hoxe tamén compartillada pola grande maioría da sociedade galega.A grande maioría social do noso país o que quere nesta altura é un maior protagonismo de Galiza no conxunto do Estado. O que a maioría quere é que, á hora de garantir a gobernabilidade do Estado, Galiza sexa decisiva, como o teñen sido Catalunya e Euskadi durante os 30 anos de democracia. Das tres nacións sen Estado –Galiza, Catalunya e Euskadi- a nosa é a única que até o de agora non ten sido un factor determinante da gobernabilidade. E iso tennos pasado non poucas facturas. A xente sábeo e a xente quere mudar ese estado de cousas. O BNG sintoniza con esas arelas colectivas e convértese así no referente político natural da grande maioría social galega. Os galegos e as galegas, mesmo os que non votan BNG, saben que canto máis presenza teña o nacionalismo galego nas Cortes Xerais do Estado, maior será o peso de Galiza. Sábeno por experiencia acumulada durante 12 anos en que o BNG conseguiu que Galiza existise en Madrid. Saben como o BNG logrou modificar a orientación dos orzamentos do Estado a respecto do país. E saben, por tanto, que a única vía para reforzar a Galiza no Estado é a vía galega que representa o BNG. Calquer outra vía é unha vía dependente de centros de decisión que non están no noso país. Calquer outra vía é unha vía cegada para Galiza. Os únicos que non temos que pedir permiso para existirmos politicamente como galegos e galegas somos os nacionalistas e as nacionalistas.Proxecto transformadorO nacionalismo representa un proxecto transformador para Galiza e para o Estado. No plano da política nacional galega, e desde a súa participación no Goberno, o BNG remove os corsés que mantiñan apreixada a creatividade da nosa sociedade. No plano da política estatal, o nacionalismo é o único proxecto reformista e democratizador realmente viábel (e emprego a palabra reformista no mellor sentido do termo: no de mudar para avanzar). Os partidos estatais, quer na súa variante conservadora quer na socialdemócrata, teñen mostrado con clareza cales son os seus límites e como continúan atavicamente atados á concepción arcaica dun Estado uninacional e centralista. É certo que uns e outros non son o mesmo –hai máis respeito polo pluralismo nunha bancada do que noutra-, mais en esencia partillan idéntico deseño: as nacións non poden existir politicamente e, como máximo, se toleran como realidades socioculturais distintas, non como fontes de poder político.Bipartidismo estérilO nacionalismo é a única alternativa a este bipartidismo estéril que non é quen de resolver a cuestión nacional no Estado. O nacionalismo é tamén a mellor opción para que o pobo galego sexa por vez primeira protagonista da política estatal. Non pequeno mérito do BNG é ter sabido historicamente albiscar os desexos máis profundos da sociedade galega. Iso –e non o apoio de nengún poder oligárquico- ten colocado o BNG na posición de influencia e poder institucional que hoxe detenta. Iso é o que vai levar ao BNG a medrar nas próximas eleccións, para beneficio da inmensa maioría e para preocupación unica e exclusivamente daqueles que non deron nen chío durante os anos da dependencia e a vasalaxe.Eses anos non volverán porque o país novo está en marcha e só olla cara adiante. Cara a máis futuro, cara a máis Galiza.

0 comentarios: