30.1.08

O BNG presenta o seu lema para unha campaña en positivo e sen demagoxia: 'Contigo Galiza decide'


Francisco Jorquera asegura que “cada vez máis galegos e galegas son conscientes de necesidade dun BNG forte para que Galiza conte na política estatal”
O coordinador executivo do BNG e cabeza de lista pola provincia da Coruña, Francisco Jorquera, e o secretario de Imaxe e Propaganda, Mario López Rico, presentaron hoxe en rolda de prensa o lema co que o BNG se presentará ás eleccións xerais do vindeiro 9 de Marzo: “Contigo Galiza decide”.
Participación, Galiza e capacidade de decisiónMario López Rico salientou que “o lema recolle clara e sucintamente a nosa proposta política: contigo, como sinónimo de participación, Galiza como o obxecto do noso traballo, e decide como o que propomos”.En canto aos aspectos cuantitativos, o secretario de Imaxe e Propaganda informou de que o BNG colocará 400 valados por todo o país; 40 unidades móveis rotuladas co lema e con megafonía; 20.000 bandeirolas e 500.000 trípticos que se repartirán en man.En canto ao orzamento, Mario López Rico asegurou que “será unha campaña intensa e eficaz e que se adaptará ao precepto legal de non superar o millón de euros de custo”.“Unha campaña didáctica e en positivo fronte á demagoxia e PP e PSOE”Pola súa parte, o coordinador executivo do BNG, Francisco Jorquera, subliñou que “o BNG vai apostar por unha campaña en positivo, con propostas en positivo, dialogando coa sociedade e de carácter didáctico”. Contrapuxo as propostas en positivo do BNG “ao nerviosismo do PP e do PSOE que lles fai apostar pola demagoxia como estratexia eleitoral e pola recentralización”. Sobre o primeiro criticou “a espiral de devolución de impostos en forma de cheques como se o Estado fose un banco”. “Ao BNG -engadiu- o impacto que esta espiral de rebaixas fiscais poida ter sobre as finanzas públicas e, polo tanto, sobre os servizos públicos”.A este respeito lembrou que “Galiza acumula un déficit histórico en investimentos do Estado en infraestruturas e políticas sociais” polo que advertiu de que “nun escenario de cambio de ciclo económico, Galiza sería a pagana destas propostas económicas demagóxicas que prometen tanto PSOE como PP”.Por último, o coordinador executivo do BNG criticou a “espiral centralista na que están caendo tanto o PP como o PSOE: uns defendendo claramente a recentralización, e os outros dicindo que o proceso autonómico débese pechar. De novo, Galiza, que está pendente da aprobación dun novo Estatuto de Nación, sería a gran prexudicada desta estratexia”.Ante esta situación, Jorquera asegurou que “cada vez máis galegos e galegas son conscientes de necesidade dun BNG forte para que Galiza conte na política estatal”

27.1.08

Canto máis BNG en Madrid, máis posibilidades de benestar terán os galegos e galegas


O líder do Bloque mencionou onte na Convención Nacional Eleitoral, o empeño do número un do PP en asegurar que “dicir que a xente ten problemas en Galiza para falar en castelán. Dicíndoo insulta a nosa intelixencia”.En opinión do Portavoz do BNG Anxo Quintana, existe unha fórmula inamovíbel, “canta máis capacidade de decisión teñamos no Estado, máis posibilidades de benestar terán os galegos e galegas”. Asi, Quintana contrapuxo as posicións “catastrofistas” do PP fronte ao novo ciclo económico, e a actitude dos socialistas “de dicir que non pasa nada”, á actitude do Bloque, que empeza a tomar medidas, “porque sabemos que, en esta situación, quen primeiro paga o pato é Galiza”.O líder nacionalista lembrou na súa intervención a necesidade de “convertir en forza eleitoral ese sentimento maioritario da xente de que Galiza debe contar en Madrid ao mesmo nivel que Euscadi e Cataluña” e aclarou que, para acadar este obxectivo, “é necesario que o BNG teña máis peso político e os próximos catro anos xa lles iremos dicindo aos da Moncloa que teñen que contar con Galiza”.Os candidatos nacionalistas remataron a súa intervención facendo un chamamento ao apoio masivo ao BNG o vindeiro 9 de marzo porque “apoiando ao BNG non vai haber voltas ao pasado e sobre todo, porque gañará Galiza, teremos un país respetado e decisivo no Estado”.

24.1.08

Os cabezas de lista para o Congreso


viñeta publicada en Galizanacion

22.1.08

CANDO UN NON É PROFETA NA SÚA TERRA

Nota publicada no diario e asinada por Manolo Castro ( Concelleiro do BNG)

Vicente Araguas, escritor, compositor,músico, poeta, orador é un deses homes que empregan a súa vida en ensinar e compartir cos demais aquilo que el coñece.
Membro fundador do grupo de canción belixerante Voces Ceibes, títulos como Paisaxe de Glasgow, Vintecatro Maneiras de Querer a Brian, Maneiras de Querer, onde hai un título significativo a Xuvia, os novos traballos como Xuvia Revisitada ,colaborador da Revista de Neda, poñente en actos no concello de Neda , ten realizado donacións de unha importante cantidade de libros á súa biblioteca municipal, sendo ademais gran colaborador deste diario, levando sempre o nome de Neda na súa pluma e no seu corazón.
Un home coma este sería normal que dende tódolos ámbitos da cultura se lle recoñecera o seu labor e así o amosan os galardóns a el outorgados como o Reimúndez Portela ou a insignia de Ouro de Ferrol entre outros.
Vicente que sempre levou tal e como antes dicía na súa obra e nas súas verbas o nome de Neda por diante, debería ser a persoa (ninguén discute que poderían existir outras) que por parte de veciños, e políticos do concello de Neda, tivera o recoñecemento dese labor que ao longo dos anos foi espallando aló onde estiver ( esa Neda querida ).
Dende logo e tal e como dicía no limiar, o profesor Vicente Araguas é e será sempre Fillo Predilecto de Neda ( naqueles corazóns bos e xenerosos ), por máis que se queiran empeñar os políticos gobernantes en non recoñecerllo e en non amosar a sensibilidade eco fin de que o traballo ben feito teña o seu recoñecemento.

20.1.08

O BNG medra en perspectiva de voto

Según unha enquisa do xornal "El Mundo" nos dados provinciais, e por porcentaxe de voto total válido con respecto as xerais, temos o seguinte:
A Coruña, o PP baixaría do 44,6 ao 43,5%, o PSOE se mantería ou baixaría moi lixeiramente do 38,9 ao 38,5%, e o BNG subiría do 11,7 ao 13,5%.
Lugo, o PP baixaría do 49,7 ao 44,5%, o PSOE subiría do 37,2 ao 41,5%, e o BNG subiría do 10,1 ao 12,5%.
Ourense, o PP se mantería do 55,3 ao 55,5%, o PSOE se mantería ou baixaría moi lixeiramente do 31,1 ao 30,5%, e o BNG subiría do 10,9 ao 12,5%.
Pontevedra, o PP subiría do 46,0 ao 47,5%, o PSOE baixaría do 37,5 ao 35,5%, e o BNG se mantería do 11,6 ao 11,5%.
Polo tanto, os posibles trocos de deputados está claro que se moven en porcentaxes moi pequenas, e que o PP e o PSOE non medran en votos, (practicamente compensan perdas e ganancias en porcentaxe e na práctica os dous perden número de votos totais pola esperada diminución da participación). O único que ten unha tendencia a medrar e o BNG, (arredor dun 2% dos votos totais, pero que supón un 15% de votos mais dos que tivo fai catro anos)

17.1.08

O Pleno aproba por unanimidade a Moción do BNG sobre NAVANTIA FENE

Os grupos políticos que compoñen a corporación municipal no concello de Neda, ( BNG,PSOE,TG,EU, PP), aprobaron esta tarde por unanimidade a moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego referente a solicitude de que o Estaleiro de Fene teña carga de traballo.
No mesmo pleno onde o BNG tamén presentou un regulamente de normalización Lingüistica, este tema quedou enriba da mesaco fin de debatilo na comisión correspondente e que vai de novo no vindeiro pleno.

Quintana pide o apoio á “opción da valentía, o BNG” para que “Galiza teña máis posibilidades de benestar”


O vicepresidente da Xunta e líder do BNG, Anxo Quintana, pediu esta noite en Santiago de Compostela aos galegos que nas vindeiras elección do 9 do marzo aposten pola opción da “valentía”, para que “Galiza xogue outro papel”; en lugar de apoiar a opción da “resignación”, que inclúe “pouca Galiza ou nada Galiza”.Así mesmo, Quintana sinalou que “canta máis presenxa teña o BNG en Madrid, máis posibilidades de benestar existen para os galegos e galegas” e lembrou qu Galiza precisa o 10 por cento dos orzamentos estatais adicados á dependencia, algo que “só se vai conseguir con que o BNG sexa capaza de decidir”.O vicepresidente da Xunta e líder do BNG tamén sinalou que os galegos contestan “maioritariamente” que é necesario que Galiza teña maior peso político no Estado e que é importante a presenza nacionalista en Madrid. “Converter en forza electoral o que é o sentimento maioritario é o noso traballo”, sentenciou Quintana.Na súa intervención Quintana tamén lembrou a entrevista que mantivo co presidente do goberno español e que permitiu lograr unha serie de competencias para Galiza. O vicepresidente da Xunta sinalou que “ese días , moitos galegos marcharon para cama convencidos de que Galiza cumpría un soño” e pensando que “agora non é Catalunya ou Euskadi, agora é Galiza”.“Pedir permiso a Esperanza Aguirre”Anxo Quintana sinalou no seu discurso, ademais, que o BNG “vai ser o freo eficaz ás políticas de involuión social de Rajoy”. Nese intre, o vicepresidente fixo referencia a exclusión de Alberto Ruíz Gallardón das listas para as eleccións xerais e ironizou que “Núñez Feijóo vai ter que pedir permiso a Esperanza Aguirre para ser ministro”.

15.1.08

Jorquera pide aos galegos que opten polo BNG nas eleccións xerais para "devolver o autogobern do Pais á altura de Euskadi e Catalunya

foto diario de ferrol

No hotel Hesperia de Ferrol e nun acto cargado de emotividade, onde facía a súa despedida Francisco Rodríguez como Deputado no Parlamento do Estado, Francisco Jorquera, candidato do BNG pola provincia de A Coruña, fixo unha valoración ante a situación política que se presenta e expuxo as liñas básicas de actuación dos membros do BNG para a lexislatura 2008-2012.

12.1.08

Pleno Ordinario

O vindeiro xoves día 17 celebrarase no salón de Plenos da Casa do Concello, o Pleno Ordinario correspondente ao mes de xaneiro, neste Pleno entre outros puntos da Orde do día, van dúas mocións presentadas polo Bloque Nacionalista Galego.
-Ordenanza de Normalización Lingüistica, coa que se pretende regular o uso do noso idioma en tódolos ámbitos da actividade pública dos nosos representantes políticos.
-Navantia, na que se pide, instar ao goberno do Estado, para que a integridade do actual estaleiro de Navantia Fene (antiga ASTANO ), sexa dedicada á contrucción, así como á reparacións navais civís e militares, contando con carteira propia.

9.1.08

A empresa OGANDO realizará a Polideportiva do Roxal

A empresa OGANDO será a encargada da realización dos traballos de construcción da polideportiva do Roxal.
A comisión avaliadora das ofertas para a realización das obras de construcción da polideportiva do Roxal, reunida esta mañá ás 12 horas, decideu contratar a esta empresa logo de facer as distintas valoración tanto técnicas como económicas para a execución do traballo, OGANDO que na valoración técnica xa obtivera unha puntuación de 44.99 puntos, realizou unha proposta económica de 288.088,66 €, resultando unha baixa de 10,903 % sobre a valoración inicial, e acadando un total de 69,114 puntos no computo final.

6.1.08

AGRADECEMENTOS

Calquera lembranza que teña que ver co noso concello e de agradecer e cando se trata dunha panxoliña na que ademais se fai lembranza do noso ben mais popular, que é o noso pan moito mais.

5.1.08

Reunión da Mesa de Contratación

Entra na recta final o proceso para a contratación da empresa que executará os traballos de "cubrición da Pista Polideportiva do Roxal".
O vindeiro mércores 9 de xaneiro ás 12 horas reuniránse os membros que compoñen a Mesa de contratación, co fin de cualificar a documentación de propostas económicas, logo de ter avaliado a primeira fase técnica do concurso, este será un dos últimos trámites para saber que empresa será a adxudicataria das devanditas obras.

3.1.08

Grazas pola vosa fidelidade

O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego e a Asemblea Local de Neda, agradece a tódolos veciños e veciñas e a tódolos/as visitantes do noso Blog a súa fidelidade a este medio de comunicación da nosa organización e deséxalles un ano novo cheo de iniciativas e saúde, pregando ademais a participación con propostas, para levar adiante e facer máis plural o noso medio.