19.12.07

O BNG acusa ao PP de bloquear o funcionamento interno da CRTVG

Ao provocar por falta de quórum a non celebración do Consello de Administración para votar a oferta pública de emprego, o PP utiliza técnicas propias dunha forza extraparlamentaria, con total falta de respecto a unha institución pública

. A secretaria de Comunicación da Executiva Nacional do BNG, María Xosé Bravo, acusa o Partido Popular de bloquear o funcionamento interno da CRTVG ao ordenar hoxe aos seus representantes no ente público que boicotasen coa súa incomparecencia a celebración do Consello de Administración da compañía que se ía celebrar esta mañá.
A non asistencia dos conselleiros e conselleiras do PP fixo que o Consello non se puidese celebrar por falta de quórum e que non se puidese abordar a aprobación da Oferta Público de Emprego elaborada pola compañía para pór fin á precariedade laboral que historicamente vén arrastrando a empresa.“Estamos ante unha inxerencia política intolerábel da dirección do Partido Popular no funcionamento interno da compañía”, avalía María Xosé Bravo. “O asunto é especialmente grave porque a maioría dos representantes do PP no Consello de Administración da CRTVG eran favorábeis a que se abordase hoxe a aprobación da Oferta Pública de Emprego, logo de teren participado, cos representantes de BNG e PSOE, nunha xunta co comité intercentros. O que aconteceu hoxe é que foron chamados a capítulo e se viron obrigados a someterse á disciplina partidaria. A decisión de boicotar a reunión do Consello de Administración tomouse nunha xunta na que tomaron parte membros da dirección galega do PP”, denuncia Bravo.O BNG acusa o PP de “apostar por unha política laboral antisocial e profundamente lesiva para os intereses dos traballadores e das traballadoras”. “Nun medio de comunicación público a precariedade tórnase particularmente inaceptábel porque estamos a falar en moitas ocasións de traballadores e traballadoras que administran un dereito constitucional fundamental, o dereito de todos a sermos informados con veracidade. O bloqueo interposto polo PP a unha Oferta Pública de Emprego que pretende dar estabilidade aos traballadores e traballadoras da compañía atenta non só contra os dereitos laborais, senón contra os dereitos de toda a sociedade a recibir unha información libre e plural”, alega Bravo.Para a membro da Executiva Nacional do BNG, polo demais, a decisión do PP de non comparecer no Pleno do Consello de Administración “non é de recibo nunha organización madura e responsábel”. “O PP está tan desnortado que utiliza xa técnicas propias dunha forza política extraparlamentaria, con total falta de respecto polas institucións públicas e, en último termo, pola sociedade no seu conxunto”.

17.12.07

Adxudicadas as obras de saneamento de O Puntal

O Diario Oficial de Galicia do xoves 13 de decembro, publica a adxudicación das obras dos ramais da rede de augas residuais entre O Puntal e a Estación do tren, o orzamento base de licitación era de 98.601,68 € ( as súas bases foran publicadas no D.O.G. do 12 de xuño ) e o orzamento de adxudicación ascende a 73.359 €. O proxecto da rede de augas residuais fora debatido no Pleno da corporación municipal o 2 de maio de 2.007.Esta obra solicitada en imnumerables ocasións polo Bloque Nacionallista Galego e polos veciños da zona, foi posible por un acordo entre o Concello de Neda e Augas de Galicia.

15.12.07

O BNG pide que os proxectos urbanisticos veñan acompañados do informe técnico e xurídico

O representante do Bloque Nacionalista Galego, na comisión informativa de urbanismo, celebrada o pasado 11 de decembro solicitoulle á presidenta da comisión, que tal e como establece a LOUGA , no seu artigo 195.2 ( os proxectos urbanísticos, deberán de contar co informe técnico e xurídico preceptivo), e tendo en conta isto o representante do BNG na comisión solicitou que tódolos proxectos que pasen á comisión deberán ter eses informes.

14.12.07

TELEBNG

Está a dispor de todos e todas a TELEBNG

13.12.07

Obras na Polideportiva do Roxal

Nove empresas poxan pola adxudicación das obras de cubrición da Polideportiva do Roxal.
O vindeiro martes día 18, reuniráse na Casa do Concello a Comisión que avaliará ás distintas ofertas das empresas que se presentan para a adxudicación das obras de mellora e cubrición da pista do Roxal.
Esta obra financiada pola Deputación Provincial, ten un orzamento base de licitacion de 323.341,00 € ( IVE engadido ).

11.12.07

Publicación Ordenanza Municipal de Circulación


No Boletin Oficial da Provincia, publícase a aprobación inicial da Ordenanza Municipal de Circulación do Concello de Neda.

Aquelas presoas ou colectivos interesados en facer suxestións ou reclamacións, poderán facelo durante o prazo de 30 días

10.12.07

A Consellería de Industria recibirá 99 millóns de € para completar as infraestructuras de Telecomunicacións


A Consellaría de Innovación e Industria disporá dunha nova cantidade orzamentaria por parte do Goberno central para completar a extensión das infraestruturas de telecomunicacións en Galiza. Case 99 millóns de euros destinaranse á universalización do servizo de banda longa e para a extensión da cobertura da televisión dixital terrestre (TDT) na comunidade galega. A cantidade inicialmente prevista para Galiza ascendía a case 77 millóns de euros, pero a Consellería de Innovación e Industria, representada pola directora xeral de Promoción Industrial, Helena Veiguela, esta tarde en Madrid, logrou ampliala ata os 99 millóns. Na conferencia estableceuse o reparto definitivo por comunidades autónomas dos novos compromisos do Estado en infraestruturas de telecomunicacións de cara ao 2008, e Galiza recibirá o maior crédito dos concedidos ás comunidades, conseguindo o 17,9 por cento do total outorgado. Esta cantidade permitirá completar a extensión da banda longa en zonas onde ata o momento a dotación de redes era insuficiente ou non permitía un acceso de calidade a Internet. Ademais, unha parte do crédito irá destinado a completar a cobertura e difusión do sinal de TDT.

7.12.07

O recoñecemento dun "Estado Plurinacional" será a petición de Galiza, Euskadi e Catalunya


Os departamentos autonómicos de Cultura de Galiza, Catalunya e Euskadi intensificarán a colaboración destas comunidades históricas na materia que no noso país preside a nacionalista Ánxela Bugallo e pedirán ao Goberno central que se recoñeza a "pluriculturalidade" do Estado Español.O vindeiro luns visitarán Santiago os conselleiros culturais Joan Manuel Tresserras e Miren Azkarate, catalán e vasca respectivamente, para reunirse coa conselleira de cultura galega Ánxela Bugallo. Encontro nun marco de colaboración que servirá para que os tres conselleiros nacionalistas fagan pública unha declaración institucional dirixida ao Ministerio de Cultura que servirá para "facer unha petición e unha chamada" respecto da "diversidade cultural" que existe no Estado.Está previsto que o acto no que se apelará ao recoñecemento das diferenzas culturais e lingüísticas sexa previo ao comezo da reunión da Conferencia Sectorial de Cultura, que se celebrará tamén o vindeiro luns en Santiago de Compostela, coa asistencia do ministro do ramo, César Antonio Molina. O Ministerio de Cultura convoca este encontro, que terá lugar no Hostal dos Reis Católicos, e no que estarán as representacións ao máximo nivel de todas as comunidades autónomas.Os conselleiros Tresserras, Azkarate, e Bugallo, protagonizarán tamén o luns no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), na capital galega, a firma un acordo de colaboración en materia cultural, froito dun proceso dun ano de traballo.

5.12.07

'Máis Galiza: o que quere a maioría'


A histórica cabeceira A Nosa Terra cumpre cen anos, e con esta celebración comeza unha nova etapa na que o semanario galeguista sufriu unha importante modernización e contará tamén cun diario dixital. Reproducimos, polo seu interese, o artigo do portavoz nacional do BNG no suplemento especial publicado por este xornal:O BNG é a expresión política dun pobo en marcha. Un pobo que se manifesta de maneiras moi distintas e que, contra o que din os tópicos mesetarios, si sabe cara a onde quere ir. Ese pobo maniféstase através dunha sociedade cada día máis vertebrada, co espírito de Nunca Máis como motor cívico; maniféstase no mundo do traballo e da empresa –na cidade, pero tamén no campo-, cun vigor que nos está facendo medrar por enriba da economía española-; maniféstase cun goberno que, cunha presenza determinante do nacionalismo, acomete con decisión as mudanzas estruturais, de raíz, que o país demandaba; maniféstase através de iniciativas mediáticas ousadas como a que a cabeceira histórica do nacionalismo, A Nosa Terra, vén de pór en marcha. Ousadas e autocentradas. Iniciativas que revelan que o país novo polo que apostou o Bloque Nacionalista Galego na campaña das galegas 05 está cada día máis perto de se materializar.
O BNG existe unica e exclusivamente para servir á sociedade galega. Esta é, ademais, a mellor forma de achegar o noso contributo á unha marcha máis racional da Humanidade. Aquí, na nosa casa, o mundo chámase Galiza, célula de universalidade tal e como a concebía o Partido Galeguista de Castelao e Bóveda. Non é posíbel ser internacionalista sen antes amar a propia nación. Non é posíbel defender un mundo máis xusto, máis equilibrado, se un non defende primeiro a igualdade de todas as patrias, a comezar pola nosa. Ser nacionalista é abrazar todas as causas positivas que o xénero humano enfrenta no comezo deste século e facelo non desde o vacuo cosmopolitismo abstracto, senón ao servizo dunha terra e dunhas persoas concretas. Ao servizo de Galiza e dos galegos e galegas.Galiza si sabe cara a onde quere ir. Felizmente, non construímos sobre o nada. Temos un potencial cívico enorme que traballa a favor da construción da nación. Teño dito estes días atrás que a sociedade galega se autodeterminou cando defendeu o país da incompetencia dun Estado que demitiu das súas responsabilidades durante a crise do Prestige. Autodeterminarse é tomar conciencia do que un é e do seu lugar no mundo. E cando un se autodetermina, xa nada volve a ser o mesmo. Un país que comeza a emanciparse é un país que non ten maís límites que o da libre vontade dos seus cidadáns e das súas cidadás. Ese país vólvese felizmente exixente cos poderes públicos e ese país é o que nos está a pedir a nós, os nacionalistas galegos, que sexamos cada vez máis ambiciosos no proceso de transformación co que estamos firmemente comprometidos. A ambición nacional é o que caracteriza ao BNG desde a súa fundación e non podemos menos que orgullarnos ante o feito de que esa ambición nacional sexa hoxe tamén compartillada pola grande maioría da sociedade galega.A grande maioría social do noso país o que quere nesta altura é un maior protagonismo de Galiza no conxunto do Estado. O que a maioría quere é que, á hora de garantir a gobernabilidade do Estado, Galiza sexa decisiva, como o teñen sido Catalunya e Euskadi durante os 30 anos de democracia. Das tres nacións sen Estado –Galiza, Catalunya e Euskadi- a nosa é a única que até o de agora non ten sido un factor determinante da gobernabilidade. E iso tennos pasado non poucas facturas. A xente sábeo e a xente quere mudar ese estado de cousas. O BNG sintoniza con esas arelas colectivas e convértese así no referente político natural da grande maioría social galega. Os galegos e as galegas, mesmo os que non votan BNG, saben que canto máis presenza teña o nacionalismo galego nas Cortes Xerais do Estado, maior será o peso de Galiza. Sábeno por experiencia acumulada durante 12 anos en que o BNG conseguiu que Galiza existise en Madrid. Saben como o BNG logrou modificar a orientación dos orzamentos do Estado a respecto do país. E saben, por tanto, que a única vía para reforzar a Galiza no Estado é a vía galega que representa o BNG. Calquer outra vía é unha vía dependente de centros de decisión que non están no noso país. Calquer outra vía é unha vía cegada para Galiza. Os únicos que non temos que pedir permiso para existirmos politicamente como galegos e galegas somos os nacionalistas e as nacionalistas.Proxecto transformadorO nacionalismo representa un proxecto transformador para Galiza e para o Estado. No plano da política nacional galega, e desde a súa participación no Goberno, o BNG remove os corsés que mantiñan apreixada a creatividade da nosa sociedade. No plano da política estatal, o nacionalismo é o único proxecto reformista e democratizador realmente viábel (e emprego a palabra reformista no mellor sentido do termo: no de mudar para avanzar). Os partidos estatais, quer na súa variante conservadora quer na socialdemócrata, teñen mostrado con clareza cales son os seus límites e como continúan atavicamente atados á concepción arcaica dun Estado uninacional e centralista. É certo que uns e outros non son o mesmo –hai máis respeito polo pluralismo nunha bancada do que noutra-, mais en esencia partillan idéntico deseño: as nacións non poden existir politicamente e, como máximo, se toleran como realidades socioculturais distintas, non como fontes de poder político.Bipartidismo estérilO nacionalismo é a única alternativa a este bipartidismo estéril que non é quen de resolver a cuestión nacional no Estado. O nacionalismo é tamén a mellor opción para que o pobo galego sexa por vez primeira protagonista da política estatal. Non pequeno mérito do BNG é ter sabido historicamente albiscar os desexos máis profundos da sociedade galega. Iso –e non o apoio de nengún poder oligárquico- ten colocado o BNG na posición de influencia e poder institucional que hoxe detenta. Iso é o que vai levar ao BNG a medrar nas próximas eleccións, para beneficio da inmensa maioría e para preocupación unica e exclusivamente daqueles que non deron nen chío durante os anos da dependencia e a vasalaxe.Eses anos non volverán porque o país novo está en marcha e só olla cara adiante. Cara a máis futuro, cara a máis Galiza.

1.12.07

O Pleno aproba as obras do P.O.S.

Na sesión extraordinaria de Pleno, celebrada o pasado luns 26 de novembro, aprobarónse as obras que serán cofinanciadas entre o Concello de Neda e a Deputación provincial.
A pesar de non ser estas as obras que dende o BNG propuxemos para o Plan de Obras e Servizos da Deputación, os membros do Bloque Nacionalista Galego, apoiamos co noso voto as obras propostas polos socios do grupo de goberno.
Dende o BNG, considerabamos que a rede de sumidoiros era prioriataria ao de pistas.
OBRAS:
Pista Viladonelle parte alta - 42362 euros
Pista Cobeluda límite Concello - 76.000 euros
Pista dende o Regueiro ( donde para o autobus) 30.985 euros
AC-862 Ata Centro de Saúde e Pista Vilasuso - 55795 euros

30.11.07

Quintana: 'O gran reto de Galiza na nova lexislatura que comeza en marzo é aumentar substancialmente o noso peso decisorio na política de Estado'


Marca tres ámbitos determinantes para o novo peso político de Galiza no Estado: avanzar no autogoberno de Galiza, comprometer investimentos para corrixir os déficits en infraestruturas e servizos sociais e crear un novo marco institucional para o recoñecemento da natureza plurinacional do Estado español
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, suliñou hoxe que o gran reto de Galiza na nova lexislatura que comeza en marzo será o de “aumentar substancialmente o noso peso decisorio na política de Estado”. Segundo expuxo, o gran desafío de Galiza no novo ciclo político que se abrirá en marzo ha ser dispoñer dunha maior capacidade decisoria no Estado, “Galiza precisa ter unha voz politicamente cualificada que poña os intereses galegos no primeiro plano da súa actuación e así poida condicionar positivamente e influír de xeito determinante nas decisións estratéxicas do Goberno do Estado”. O vicepresidente da Xunta pronunciou esta tarde en Ferrol a conferencia “Galiza no Estado: Retos dunha nova lexislatura”, dentro do Foro do Diario de Ferrol.
Quintana explicou que o gran reto é ampliar a presenza política do nacionalismo galego nas Cortes do Estado. Asegurou que nas eleccións de marzo o gran desafío ao que se deben enfrontar os galegos e galegas é o de que Galiza estea representada de xeito politicamente solvente no espazo de decisión no que se vai determinar a gobernabilidade futura do Estado. O vicepresidente sinalou que as eleccións de marzo han de abrir unha nova etapa na historia de Galiza e do Estado, “un novo tempo político que enterre as políticas de dependencia e lle dea protagonismo a Galiza no Estado”. Gobernabilidade do Estado O vicepresidente lembrou que, dende o inicio da Transición, Galiza tivo na dinámica política de Estado que resignarse a ter un papel subalterno, secundario e de baixa influencia política. A representación maioritaria dos electores galegos por parte do PSOE e do PP contribuíu ademais, segundo Quintana, a privar a Galiza dunha voz singular para a expresión dos intereses do país. “Unha situación que aínda se veu agravada polo feito de estar o Goberno galego hexemonizado polo Partido Popular”, indicou Quintana, quen lembrou que o que caracterizou os diferentes gobernos Fraga foi a súa “renuncia a exercer as capacidades do noso autogoberno nacional perante o Goberno de Madrid”. Engadiu que o Goberno galego en mans do Partido Popular renunciou en todo momento a xogar un papel reivindicativo, influente e condicionante das decisións do Executivo central. Anxo Quintana afirmou que desta maneira, con esta situación, se esvaeceu un tempo político fundamental no que Euskadi e Cataluña, non só conseguiron acrecentar as capacidades políticas e financeiras dos seus autogobernos, senón que tamén influíron de maneira determinante nas decisión estatais, na definición das grandes políticas estatais. Ante esta situación de pasividade e falta de iniciativa perante Madrid, o vicepresidente manifestou que todo cambiou coa chegada do nacionalismo galego ao Parlamento do Estado e ao Goberno da Xunta. A presenza do BNG no Congreso e no Senado significou que “Galiza non só teña voz propia para se expresar politicamente, senón que tamén obteña beneficios políticos grazas ás actuacións parlamentarias do nacionalismo galego”. Un exemplo disto son os orzamentos do Estado para 2008 que van destinar a Galiza un 8% dos seus investimentos. Ademais deste papel activo nas Cortes en Madrid, a situación tamén mudou en Galiza, coa presenza do nacionalismo galego na Xunta, polo que “Galiza conta por primeira vez na súa historia cun goberno de seu, cunha acción de goberno comprometida inequivocamente co noso país”. Quintana asegurou que co nacionalismo no Goberno, Galiza deixou de ser un país á espera de mandatos e directrices de Madrid, “agora tomamos a iniciativa cunha oferta de diálogo e cooperación intelixente, coa que procuramos máis autogoberno e máis recoñecemento da existencia dunha débeda histórica con Galiza en materia de infraestruturas e en materia social”.“Estamos certos de que a solución da gobernabilidade do Estado será plural”, sinalou o vicepresidente, engadindo que está confiado en que o nacionalismo galego pode facer unha achega decisiva para a construción dunha maioría parlamentaria plural sobre a que se asente o novo Goberno no Estado. “Un goberno que asuma a súa lexitimidade non repousa só nunha ampla maioría parlamentaria, senón tamén na súa capacidade para concertar as súas estratexias cos autogobernos nacionais de Galiza, Cataluña e Euskadi”. Tres ámbitos determinantesPara acadar o novo peso político que Galiza debe ter no Estado, o vicepresidente marcou tres ámbitos que van ser determinantes: avanzar substancialmente na transferencia de competencias recollidas no actual Estatuto, comprometer investimentos do Estado para corrixir os déficits de infraestruturas e de servizos sociais que Galiza padece, e en terceiro lugar, crear un novo marco institucional para o recoñecemento da natureza plurinacional do Estado español.No primeiro ámbito, para ampliar o autogoberno de Galiza, Anxo Quintana explicou que a próxima lexislatura estatal 2008-2012 ten dúas fases claramente diferenciadas: a primeira chega ata finais de 2009 e a segunda ábrese a partir do outono de 2009, tras as eleccións autonómicas galegas. Quintana expuxo que, ata 2009, os esforzos teñen que pasar por impulsar o desenvolvemento pleno das competencias que contempla o actual Estatuto de Galiza. “O noso primeiro obxectivo é facer efectivo este proceso de competencias, trátase de ampliar as capacidades do actual autogoberno galego dándolle pleno desenvolvemento ás competencias contempladas no Estatuto de Autonomía de 1981”, manifestou Quintana.A finais de 2009, tal e como explicou o vicepresidente, “ábrese unha segunda fase política para ampliar o noso autogoberno e na que o obxectivo é dotarnos dun Estatuto de nación como marco político para acceder a novas capacidades e recursos para o goberno de Galiza”. Dixo estar seguro de que as eleccións autonómicas de 2009 han permitir unha nova maioría parlamentaria galega que faga realidade a elaboración dun novo Estatuto, un Estatuto de nación.O segundo ámbito determinante para que Galiza teña máis peso político, tal e como explicou Quintana, está en avanzar de xeito significativo na superación dos déficits de infraestruturas e servizos sociais que padece Galiza. Hai ademais un terceiro plano no que se ten que facer valer o peso político que lle corresponde a Galiza, “é facer efectivo o recoñecemento do carácter plurinacional do Estado”. O vicepresidente afirmou que os nacionalistas galegos teñen un modelo diferente de Estado, un modelo baseado na participación entre iguais e na corresponsabilidade, “un modelo que permita activar, en Galiza, Cataluña e Euskadi, as capacidades propias, e ao mesmo tempo, contribuír ao desenvolvemento compartido do Estado en termos de solidariedade, igualdade e benestar”.Quintana márcase como un dos grande retos da próxima lexislatura, e como unha das pezas centrais da nova gobernabilidade do Estado, crear un novo marco institucional máis acorde coa realidade plural do Estado. “Un novo espazo institucional de libre decisión, unha canle para o diálogo e a cooperación entre iguais, que permita a construción do goberno compartido do Estado”, concluíu o vicepresidente.

29.11.07

Actuamos no Congreso como miles de galegos e galegas esperan que o fagamos, con pragmatismo e intelixencia,en beneficio do País


Quintana : 'Antes do 15 de Xaneiro, o Estado entregará 51 millóns de euros a Galiza para liquidar a débeda histórica en materia social''

O portavoz nacional do BNG e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, asegurou que o sucedido onte en Madrid no Congreso dos Deputados demostra que “os galegos e galegas decidimos en Madrid e iso é bo para Galiza”. Quintana amosou a súa satisfacción polo cambio de actitude e polo cambio de postura do Goberno do Estado no que se refire a Galiza, “había algunhas situacións que non eran boas para Galiza e que ían en detrimento da credibilidade do Goberno do Estado para cos seus compromisos con este país. E polo tanto, é para min unha satisfacción que haxa un cambio de actitude e que podamos comezar agora unha nova etapa”.
O vicepresidente sinalou que onte en Madrid o Bloque Nacionalista Galego actuou “como ten que actuar unha forza política ao servizo do país, con pragmatismo, con intelixencia e colocando a Galiza por diante de calquera outro interese, sexa partidario ou de calquera outro signo”. Quintana asegurou que se ten feito un bo acordo e sobre todo un bo acordo para Galiza, “témolo feito con pragmatismo, con intelixencia e pensando no país”. Explicou que onte, no Congreso dos Deputados, o que había que decidir en Madrid era ben claro, “ou ben reprobar a unha ministra cunha consecuencia práctica nula, como todos sabemos, reprobar a unha ministra fundamentalmente polo sucedido en Cataluña e polo tanto en base á dialéctica política establecida en Cataluña. Ou ben a segunda cousa que se podía facer era tentar, a través dun acordo, colocar a Galiza no debate político e que Galiza puidera ter un resultado positivo desta situación. E esta segunda opción é a que nós escollemos e que ten resultados importantes para Galiza”. Anxo Quintana sinalou que o ocorrido onte no Congreso confirma que “pasamos dunha época na que Cataluña ou Euskadi podían determinar a acción do Goberno, e mesmo quitar e pór ministros, a unha situación agora na que Galiza é a que decide este tipo de cousas”. Sinalou que, ao seu entender, hoxe hai milleiros de galegos e galegas que, sobre todo e ante todo, o que queren é que Galiza teña unha forza política propia que actúe así, con pragmatismo, con intelixencia e colocando a Galiza por enriba de calquera outra cousa. “Estou plenamente convencido de que onte o BNG actuou como esperan milleiros de cidadáns de Galiza que actúe o BNG”, concluíu Quintana. AcordosO vicepresidente da Xunta explicou que onte tivo a oportunidade de falar co presidente Zapatero e con outros altos responsables da Administración do Estado para chegar a un acordo “que penso que é positivo para Galiza”. En primeiro lugar, e en virtude do acordado onte, “vamos ter a posibilidade de que o pagamento da débeda histórica con Galiza en materia social -que como sabedes estaba acordada dende fai tempo- se poida efectivizar con carácter inmediato e temos un preacordo xa para que antes do 15 de xaneiro se poida proceder á sinatura da segunda parte de pago desa débeda histórica en materia social que o Estado ten con nós”. Quintana lembrou que fai uns meses se concretou a primeira parte desa débeda, de nove millóns de euros, e agora faltan por efectivizar 51 millóns “e temos xa ese preacordo de que antes do 15 de xaneiro poderemos proceder a liquidar esta situación, cuestión moi importante para Galiza”. En virtude do acordado onte, Galiza tamén vai ter con carácter excepcional a posibilidade de pór en marcha un sistema pioneiro en toda España e en toda Europa, como é o servizo público de transporte adaptado. Segundo o acordado onte, “vamos ter con carácter excepcional a concesión dun número telefónico, o 065, que vai servir para darlle estabilidade a ese servizo e isto é algo que se fai por primeira vez no Estado”. O vicepresidente indicou que a concesión dese tipo de números sempre se fai con carácter estatal e nunca con carácter exclusivo para unha comunidade autónoma, algo que agora se lle concede a Galiza. Segundo o acordado onte, Quintana explicou que se vai desbloquear o proceso de transferencias. Recordou que o presidente Zapatero tiña adquirido un compromiso no Senado polo que, despois do bloqueo do proceso de transferencias, se comprometía persoalmente a tratar este tema e buscar unha solución. “Dende aquel compromiso no Senado, nunca máis souberamos dunha actitude e dunha posición do presidente para cumprir aquel compromiso. Pero agora, en virtude do acordado onte, ese compromiso por parte do presidente vaise cumprir e nese sentido está acordado que teñamos unha entrevista antes do 15 de decembro para proceder ao desbloqueo do proceso de transferencias”. Ao mesmo tempo, Quintana explicou que se vai constituír a Comisión Bilateral de Cooperación, que se dará un prazo de tres meses dende hoxe, polo tanto antes de que remate a lexislatura, para desbloquear o proceso de transferencias. Engadiu que “o documento referencial será o que no seu día lle presentamos ao ministro Jordi Sevilla e dende logo, se algunha desas competencias non fose posible nese prazo, o Estado terá que pór enriba da mesa outras que as compensen”. Polo tanto, Anxo Quintana concluíu que onte en Madrid “abrimos un camiño para o desbloqueo dun proceso moi importante para Galiza e para a mellora do autogoberno de Galiza”. En virtude do acordado onte, o Partido Socialista manifestou o seu apoio e compromete o seu apoio para a aprobación da proposición de lei no Parlamento galego como primeiro paso para o traspaso da competencia do tráfico, “unha competencia tan importante para Galiza”. Relacionado con este acordo, Quintana anunciou que ten convocado para o vindeiro luns no Parlamento aos portavoces dos tres grupos parlamentarios para definir xa ese proxecto de lei que reclame a transferencia de tráfico a Galiza pola vía da lei orgánica. “Como sabedes, fai un mes reuninme con eles, e téñense celebrado diferentes reunións, pero o protagonismo debe pertencer ao Parlamento galego e por iso a miña misión é convocar aos tres grupos e conseguirmos así que esa proposición de lei se efectivice xa con carácter definitivo e se rexistre no Parlamento para o seu tratamento”.

Praza de Animador Sociocultural

O B.O.P. ( Boletín Oficial da Provincia, publica no seu nº 276, de 29 de novembro, as bases que rexerán, no proceso selectivo para a contratación dun animador sociocultural, o prazo de presentación de solicitudes son 5 dáis hábiles, contados a partir do seguinte á súa publicación.

22.11.07

Contratacion dun Auxiliar Administrativo

O Concello de Neda, aproba as bases que rexerán para a contratación dunha persoa, a tempo parcial, mediante contrato laboral de duración deteminada, para cubrir unha praza de Auxilliar Administrativo dos Servizos Socias
As solicitudes poderán presentarse no rexistro xeral do concello ate as 14 horas do luns 26 de novembro.
Os aspirantes presentaránse o martes, ás 12 horas na Casa do Concello.
Ao Bloque Nacionalista Galego chamanos a atención a convocatoria desta praza, xa que non pasou por ningún órgano de participación da oposición,temos coñecemento da mesma pola prensa, xa que foi aprobada na Xunta de goberno do día 16 de novembro ( o BNG recibe ás Acta de Xunta de Goberno de mes en mes- acabamos de recibir o mes de outubro. ) ademais acaba de aprobarse a privatización do servizo.

21.11.07

Reclamacions aos Orzamentos

O Boletin Oficial da Provincia, publica hoxe 21 de novembro, a aprobación provisional dos orzmanentos do concello para o ano 2008, aqueles veciños e veciñas, que desexen facer reclamacións aos mesmos teñen de prazo, 15 días hábiles, contados estes dende o seguinte ao de publicación.

17.11.07

Os Orzamentos do 2008 do Concello de Neda

O Bloque Nacionalista Galego , manifestou a súa disconformidade cos orzamentos do concello para o ano 2008 por

1. Non recoller investimentos para cubrir as necesidades de abastecemento de auga ás parroquias do rural nin rede de saneamento.
2. Deixar de aportar diñeiro para crear unha gardería municipal, e poder conveniar coa Vicepresidencia da Xunta de Galiza a súa construción a través do Consorcio Galego de Servizos, responsabilidade do BNG para dotar aos concellos de centros de día, galescolas, garderías...
3. Non previr aportacións económicas para poder conveniar a construción de vivendas sociais coa Consellaría de Vivenda e Solo, que dirixe o BNG na Xunta de Galiza.
4. Non destinar partida económica para a conservación e protección do noso patrimonio histórico-artístico existente nos castros do concello.-.

14.11.07

Sesión de Pleno no Concello de Neda

O Xoves 15 de novembro, ténse convocado no concello de Neda, unha sesión Plenaria, co seguinte
orde do día:
2.- Ratificación da proposta de días festivos locais 2008
3.- Ratificación da solicitude de subvención PXOM
4.- Ordenanza sobre contaminación acústica.
5.- Modificación de créditos
6.- Resolución de alegacións ás ordenanzas fiscais e aprobación definitva se procede
7.- Orzamento 2008
8.- Ordenanza municipal de Circulación
9.- Informes e propostas da Alcaldía
10.- Rogos e preguntas

11.11.07

Reunion Urxente de Portavoces

Este luns día 12 e con carácter de urxencia, reuniránse no Concello de Neda, os portavoces dos grupos políticos con representación no concello, co fin de tentar dar solución a un problema xurdido como consecuencia das obras que se están a levar a cabo na Mourela do Medio, dado que a execición do proxecto inicial, crea unha serie de problemas nas vivendas de algunhos veciños da zona.

6.11.07

'Tráfico: responsabilidade e electoralismo', carta aberta de Anxo Quintana a Rubalcaba


Polo seu interese, reproducimos a carta aberta ao ministro de interior que o portavoz nacional do BNG e vicepresidente da Xunta publicou en varios xornais galegos: “Estimado Alfredo: Estou contento de poder recuperar, aínda que só sexa por medio desta carta, o agarimoso intercambio de ideas que, noutrora, animou as nosas conversas e negociacións parlamentarias. Contraste de posicións políticas que unhas veces se saldaron con proveitosos acordos e outras, como no debate de orzamentos de 2005, cun irremediable desencontro que motivou o seu veto polo BNG no Senado. Coincidencias e desacordos produto dun diálogo leal baseado nunha entrañable franqueza e na firmeza das nosas conviccións.
Sempre pensei que agora, sendo ti Ministro de Interior e eu Vicepresidente da Xunta de Galicia con competencias, entre outras, en Relacións Institucionais, nas túas visitas a Galiza teriamos unha oportunidade para retormar o noso animado diálogo. Pero xa ves, as estreiteces do protocolo e as rixideces da túa axenda impedíronnos, na túa última e fuxidiza viaxe, conversar sobre as competencias que Galiza agarda en materia de tráfico e seguridade vial. Unha mágoa á que quero por remedio con esta carta.Malia a brillantez á que nos tes afeitos, as túas últimas declaracións desvían a atención respecto das auténticas motivacións da nosa demanda das competencias de seguridade vial para Galiza. A súa descualificación como produto dunha 'efervescencia propositiva' de natureza electoralista desconsidera o labor realizado pola Xunta de Galicia desde 2005 para ampliar, mediante unha cooperación intelixente co Goberno do Estado, as capacidades competenciais do noso autogoberno. Mesmo representan unha infeliz amonestación do Presidente da Xunta que ten reiterado o seu compromiso para avanzar decididamente no traspaso de novas competenciais antes de que conclúa a presente lexislatura.Non é o aproveitamento electoralista o que guía a actuación do noso goberno, é o noso desexo reforzar as capacidades executivas coas que Galiza debe poder contar para dar unha resposta eficaz a vellos problemas nosos como a sinistralidade das nosas estradas ou a organización do salvamento nos nosos mares. Obedece a unha firme vontade que nos animou a finais de 2006 a elaborar un documento de traballo que identificaba setenta competencias subsceptíbeis de ser transferidas a Galiza. Un proxecto de avance do autogoberno que concretaba o Acordo de Goberno subscrito polo BNG e o PSdeG en 2005.A negativa do Partido Popular a aprobar un Novo Estatuto sinalou a negociación bilateral Galiza-Estado como a única vía practicable para agrandar, neste momento, o noso teito competencial e dar cumprimento pleno ao noso actual Estatuto de Autonomía. Por iso, acordamos, en febreiro de 2007, con Jordi Sevilla a apertura do traspaso de sete competencias recoñecidas estatutariamente a Galiza desde 1981. A veciñanza das eleccións municipais, primeiro, e seu relevo ao fronte do Ministerio de Administración Públicas, despois, conxelaron os traspasos en materia de salvamento marítimo; a titularidade dos inmobles da Seguridade Social; a transferencia dos centros de investigación ou dos arquivos, museos e bibliotecas. Un bloqueo que en nada beneficia a Galiza.No último debate sobre o estado da nosa Autonomía, de xeito unánime o BNG, o PP e o teu partido se pronunciaron a favor de reactivar o proceso de transferencias pendentes. Días despois, o consenso das tres forzas parlamentarias galegas plasmouse na posta en marcha dunha Proposición de Lei para solicitar do Parlamento do Estado a transferencia a Galiza, mediante Lei Orgánica, das competencias de tráfico e seguridade vial atendendo o artigo 150.2 da Constitución. Consento entre todas as forzas políticas, acatamento do ordenamento xurídico, vía constitucional para mellorar o autogoberno... Galiza está a seguir o camiño que o presidente Zapatero lle reclamou ao lehendakari Ibarretxe. Aínda así, tristemente desvalorizaches esta iniciativa ao cualificala como efervescencia propositiva e electoralismo.Francamente se nos vemos obrigados a falar de electoralismo, teño que dicir que na negativa do Goberno Central a impulsar o proceso de transferencias pensan moito máis os vosos cálculos electorais que a firmeza dos compromisos adquiridos con Galiza. O precipitado abandono do proxecto da España plural e a entrega entusiasta ao aplauso da España unitaria, á apropiación patrioteira dos símbolos e retrousos da dereita ultramontana ou o enxalzamento centralista do agora omnipresente Goberno de España son concesións a unha lamentable acomodación electoralista e son un erro que confío en que aínda poidades emendar.Certamente, a solución máis intelixente non é tentar gañar eleccións asumindo como propio o trastempado programa do Partido Popular. O camiño non é reeditar un novo centralismo para competir co vello centralismo da dereita. O horizonte ilusionante e transformador é atender o recoñecemento da natureza plurinacional, plurilingüe e pluricultural do Estado. Esa é a solución coa que os nacionalistas galegos estamos democraticamente comprometidos.Estimado Alfredo, a decisión do Goberno Galego para activar o proceso de transferencias que o noso Estatuto recolle é unha proposta institucionalmente responsable que se asenta nunha firme elección: cumprir o mandato que nos deron os cidadáns e cidadás galegas en 2005 para que ampliasemos o noso autogoberno como garantía de benestar e progreso para o noso país. Ese é o compromiso ao que nos debemos. Estou certo de que calquera porta que poidamos abrir ao diálogo será beneficiosa para a liberdade, a democracia e o autogoberno de Galiza. Quedo como sempre á túa disposición.”

2.11.07

Non había ninguén

Os membros do Bloque Nacionalista Galego, personaronse hoxe no concello, co fin de rexistrar e dar entrada ao documento de alegacións ás Ordenanzas Fiscais, e cal non é a súa sorpresa, xa que non había ninguén para poder facer o rexistro deste documento, pero tamén ao longo da mañán, constructores, veciños, etc se personaron tendo que dar volta sin poder solucionar o seu problema, xa que non había ninguén que os poidera atender, nos parece unha falta de profesionalidade e unha desidia dos mandatarios deste concello, por non ter como mínimo o rexistro do concello aberto, co fin de que todos aqueles que acudiran a administración, poideran rexistrar os seus documentos.